‘Urbtopías’ fará de Pontevedra unha sede única para as reflexións máis importantes sobre o deseño da cidade e o futuro

67
O ciclo de encontros contará con catro palestras diferentes, todas elas con referentes internacionais sobre deseño urbano e modelos de transformación para a cidade
Celebrarase os días 13, 18, 21 e 27 de outubro, no Edificio Castelao, do Museo de Pontevedra; a entrada será libre

«Marcada na liña do horizonte, a utopía é ese lugar cara onde camiñar
soñando novos xeitos de vivir e de entender a sociedade»

Pontevedra será a cidade que soñará, que soña, coas urbtopías, ese concepto que materializa a través da arquitectura e o deseño do urbanismo novas cidades alternativas e outras formas de habitar e relacionármonos. Así é, a Boa Vila volverá ser punto de encontro para reflexionar e debate sobre o futuro dos espazos que habitamos, cun programa fondo, de carácter internacional, con algúns dos nomes máis recoñecidos do mundo en materia urbana.

A nova edición de Urbtopías foi presentada esta mañá a pé de rúa, na praza do Concello de Pontevedra, coas intervencións da concelleira de Promoción Cidadá, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación, César Mosquera; e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Urbtopías trae consigo «un dos programas máis importantes non só a nivel galego, senón a nivel do Estado español e internacional», comentou Gulías.

O programa poñerá sobre a mesa as maiores reflexións sobre as cidades, sendo a Boa Vila o mellor espazo posíbel para este asunto, tal e como foi sinalado na súa presentación. 

«A Deputación está encantada de colaborar con esta iniciativa, pois Pontevedra é un exemplo de modelo urbano que transcendeu fronteiras», explicou César Mosquera. «Se algo podo destacar de todo isto, é o concepto de ‘coñecemento e humildade’. Levar adiante un modelo de Pontevedra ten unha complexidade técnica, que implicou, para a súa elaboración, un enorme coñecemento de como funcionan as cidades, a todos os niveis e en todos os aspectos. En segundo lugar, esa humildade, que sempre nos fai preguntar que está a pasar no mundo, que se está a elaborar, ver novas ideas e solucións. Creo que aí responde moi ben Urbtopías. Nunca nos detivemos, sempre tivemos ese punto de prudencia e de humildade para sabermos por onde van as cousas, como podemos mellorar e como podemos evitar problemas. Hai que estar continuamente cuestionándose, seguindo as novidades. Queremos estar sempre recavando ideas e adaptalas á nosa realidade».

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, comentou que esta segunda edición de Urbtopías contaba cun programa «excepcional», que entraría dentro dun proxecto que o Concello levaría facendo moitos anos, coa idea de poñer a Pontevedra no mapa, e «creo que o conseguimos». «Cada vez chegan máis solicitudes da mundo para saber que fixemos estes 22 anos, que fixeron os pontevedreses, pois este é un proxecto conxunto. Cómpre falar de calidade urbana, de facer cidades habitables. Nese sentido, fixemos un programa con catro palestras excepcionais».

As palestras e intervencións quedarían do seguinte xeito:

Rexenerar o Urbano. Espazos culturais como elementos de cohesión

Mércores 13 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra,con:

  • David Chipperfield, arquitecto e presidente da Fundación Ría
  • Ana Tomé, directora xerente da Fundación Museo Reina Sofía de Madrid
  • (Moderador) Alejandro Espiño, xornalista en PontevedraViva. 

Recrear o espazo público. A Cultura como estratexia

Luns 18 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra, con:

  • Ana Luisa Amaral, escritora e premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana
  • Manuel Vilas, escritor e finalista do premio Planeta
  • Ramón Rozas, xornalista cultural no Diario de Pontevedra
  • (Moderadora) Pilar García Rego, xornalista na Televisión de Galicia

Recompoñer a formula urbana. A incidencia do espazo público

Xoves 21 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra, con:

  • Francisco Mangado, arquitecto e impulsor da Fundación Arquitectura y Sociedad
  • Joan Clos, ex director executivo de ONU Hábitat e Presidente de AGORA, The new urban conversation
  • Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
  • (Moderadora) Ana Pardo de Vera, directora corporativa do diario Público

Repensar o espazo urbano. Novas formas de habitar a cidade

Mércores 27 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Teresa Táboas, arquitecta e membro do Consello de Unión Internacional de Arquitectos

Ramón Marrades, economista urbano e director de Placemaking Europe

(Moderadora) Susana Regueira, xornalista no Faro de Vigo.

Toda a información sobre o evento estará dispoñíbel na páxina web oficial do evento www.urbtopias.com, que tamén contará con contas oficiais de Facebook e Instagram. 

A entrada para todos os encontros será libre até completar aforo.