O Ganapán despregará catro días de actividades no Mercado de Abastos durante a ponte da Hispanidade

20

O programa de lecer infantil de O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, despregará un extenso e intenso programa con catro días de actividades para que os máis pequenos poidan desfrutar a tope desta longa fin de semana da ponte do 12 de outubro (Día da Hispanidade). Os obradoiros para estas xornadas sen ‘cole’ darán comezo o sábado 9 de outubro cun taller culinario no que os máis pequenos poderán elaborar uns petiscos do bosque a base dun produto tan outonal como os cogomelos e outro no que fabricarán orixinais pousavasos.


O domingo 10 de outubro a rapazada terá ocasión de protagonizar unha viaxe pola gastronomía francesa co cociñado dun prato da súa cultura como a torta flambé, e de deseñar a súa propia roda das estacións para coñecer un pouco máis sobre as distintas épocas do ano. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanca, explica que “as actividades de lecer de O Ganapán terán continuidade o luns 11 de outubro cun obradoiro no que os nenos e nenas elaborarán un brownie de chocolate e cenoria para chupar os dedos e outro no que realizarán uns divertidos bonecos-péndulo”.


“Como colofón destes catro días de diversión -sinala a edil do PSOE-, para o martes 12 outubro están previstos, no Espazo Gastro, un taller de confección de trufas, e dentro do Espazo Crea, outro no que os rapaces poderán amosar as súas habilidades de estilista creando figuras con looks orixinais e divertidos”.
Para poder participar nestas actividades, destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, os interesados deberán reservar previamente praza a través do correo electrónico oganapan@gmail.com. As inscricións pecharanse ás 16:00 horas do día anterior á súa celebración.