Deportes abrirá mañá a inscrición para as Escolas Deportivas Municipais vía online e cunha oferta de máis de 2.000 prazas en 20 especialidades distintas

930
  • Tino Fernández anuncia a publicación no BOP das bases da convocatoria para as EDM, dotada dun crédito de 250.000 €, polo que os clubs xa poden realizar as súas solicitudes
  • O tenente de alcalde agarda que o programa, que supón unha achega municipal de 82 euros por rapaz (en 2019 era de 60 euros), se poida poñer en marcha o luns 18 de outubro

A Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, abrirá mañá mércores 6 de outubro ás 9:00 horas por vía exclusivamente telemática o prazo de inscrición das Escolas Deportivas Municipais (EDM) 2021-2022, que, en previsión de que a oferta poida mesmo incrementarse, permitirán a máis de 2.000 nenas e nenos pontevedreses elixir entre 20 especialidades deportivas diferentes impartidas por 27 clubs. As solicitudes poderán presentarse até as 10:00 horas do luns 11 de outubro a través do enlace específico que se colgará na sección da web do Concello https://apuntate.pontevedra.gal/ e que tamén se divulgará a través de redes sociais.

O anuncio foi realizado esta mañá polo propio tenente de alcalde nunha comparecencia que tivo lugar na Sala de Prensa do Teatro Principal e na que explicou as fases que tódolos interesados deberán seguir para poder efectuar as matriculacións. Tal e como lembrou Tino Fernández, “partimos dunha situación na que non existe ningún protocolo da Xunta que regule a posta en marcha das EDM” e na que “ante as nosas consultas, a Secretaría Xeral para o Deporte sempre nos remite ao protocolo xeral”, polo que “na práctica, o que nos veñen a dicir é que nos vaiamos apañando, e como nós somos apañadiños imos tirar para adiante”. 

“Un dos problemas para poñelas en marcha -aclarou o edil do PSOE- é a consideración dos rapaces como federados ou non, o que plantexa limitacións á hora de fixar o número máximo de prazas por sesión. En base ás consultas realizadas á Xunta, podemos asimilar as EDM aos deportistas federados, polo que, aínda que a actividade non sexa federada, puidemos salvar o problema. Non obstante, nós imos recomendar que se adscriban ao programa autonómico Xogade para que teñan unha maior e mellor cobertura en materia de responsabilidade civil”.

Fernández constatou que, antes de sacar esta oferta de EDM, “fíxose unha proposta xeral aos clubs para nos desen o seu punto de vista sobre as distintas posibilidades, xa que, se ben non hai grandes variacións con respecto a outros anos, si que é certo que nalgúns casos hai un pequeno recorte de números para axustalo aos aforos”. Segundo sinalou, “os clubs aceptaron a nosa proposta, con algunhas achegas, que consiste nunha previsión de máis ou menos 2.000 nenos e nenas, sen contar aqueles que despois entrarán a través das Anpa dos colexios”, o que significan uns números moi semellantes aos que vimos manexando noutros anos e o mantemento das mesmas modalidades deportivas.

Un sorteo no caso de que exista máis demanda que oferta

Tino Fernández indicou que, de cara a evitar ‘colas’ e a masificación do Servizo Municipal de Deportes (SMD), “este ano o sistema de inscrición será informático”, dispoñéndose de dous ordenadores nas oficinas do SMD, no Pavillón dos Deportes, en horario de mañá e de tarde para aquelas persoas que non dispoñan na casa dun equipo informático ou que teñan dificultades para manexalo ou para comprender o funcionamento da aplicación (haberá persoal para atendelos e axudarlles a formalizar a inscrición). “Os que queiran facer a xestión desde a súa casa, que agardamos que sexan a maioría, poderán facelo durante toda a fin de semana. Hai unha primeira fase de preinscrición, que consistirá na formalización da solicitude. Logo da mesma, un prazo de información provisional de dous días na que se colgarán os listados na páxina web do Concello para posibles reclamacións, que se poderán realizar na propia sede electrónica e tamén por correo ou teléfono. E no caso de que sexa necesario, se existe máis demanda que oferta, habería un sorteo que se celebraría de xeito presencial nas gradas do Pavillón”.

Nunha cuarta fase, daríanse a coñecer xa os listados definitivos e poderían poñerse en marcha as actividades, dando paso a unha última fase de inscrición propiamente dita, que farían os propios clubs ao longo do mes de outubro. O concelleiro de Deportes avanzou que o seu departamento “baralla o día 18 de outubro como data de inicio do programa”, ao que o Concello de Pontevedra achega 82 euros por rapaz: “Ata o 2019 era de 60 euros, pero decidimos facer un esforzo importante e incrementala en 22 euros, para o que dispoñemos dun orzamento de 250.000 euros, que se podería suplementarse no caso de que resultara necesario”. “Agardamos que o número de clubs que imparten as EDM cheguen á trintena. Fronte a outros concellos, o de Pontevedra oferta unha enorme variedade de especialidades deportivas: atletismo, bádminton, baloncesto, rugby, fútbol, fútbol sala, voleibol, balonmán, esgrima, tenis, pádel, tenis de mesa, judo, taekwondo, ximnasia rítmica, ximnasia trampolín, ximnasia acrobática, orientación deportiva, escalada deportiva e xadrez”, matizou Tino Fernández.

O tenente de alcalde aproveitou para anunciar que “hoxe mesmo saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da convocatoria das EDM, polo que tamén se abre o prazo para que os clubs poidan solicitar a súa inclusión no programa”. Fernández pediulles a pais e nais que tenten formalizar as inscricións canto antes, xa que “hai tempo de sobra e, ao non seren presencial, pódena efectuar en calquera momento do día ou da noite (o blog do SMD colgará a partir das 15:00 horas de hoxe toda a información detallada para efectuar o proceso de inscrición).

“A persoa ou club que diga que nos prohibimos o acceso, minte”

O concelleiro de Deportes quixo saír ao paso “dunha lenda que se puxo a circular interesadamente e que é falsa”, consistente en que os pais e as nais non poden asistir aos partidos porque a Concellería e o SMD prohibe a entrada aos eventos deportivos”. “A persoa ou club que diga iso, literalmente, minte. E minte porque os protocolos fisicovid elaborados no seu momento establecían que, con carácter xeral, non se podería asistir aos partidos porque así o fixaba a Xunta de Galicia. Pero nós, nese mesmo parágrafo, establecimos unha cláusula que dicía que o SMD podería autorizar a utilización das bancadas sempre que se cumpriran unha serie de requisitos”, apuntou Tino Fernández.

O edil socialista afirmou que existen ademais “probas de que isto é así”, posto que “hai clubs que si meteron público nas bancadas en partidos, como o Pontevedra CF, a SD Teucro, o Club Cisne Balonmán ou a Sociedade Ximnástica”. “O que acontece -precisou Fernández- é que hai unha norma que hai que cumprir e que di que, para que haxa público, o club ten que facer unha solicitude ao SMD e cumprir cunha serie de requisitos que non son nada doutro mundo: dispoñer dunha persoa para controlar os accesos, rexistro dos datos das persoas que entran e vixiar que a xente estea correctamente sentada nas bancadas, que non coma, que non estea de pé, que non beba… Eses son os requisitos que lles esiximos aos clubs que xa están tendo público nos seus eventos deportivos. Outra cousa é que houbese uns aforos limitados”.

Tino Fernández asegurou que se trata dunha solicitude que “pode facer calquera club sempre que presente ese protocolo”, e polo tanto “se a Xuvenil ou A Seca, por poñer algúns exemplos, non teñen público nos seus partidos, non é porque o concelleiro non queira que haxa público, e os que digan o contrario están enganando aos pais e ás nais”. Neste sentido, o edil do PSOE insistiu en que os pais “lles pidan explicacións aos clubs, porque non é unha responsabilidade que teña que asumir a Concellería de Deportes”. “Esa é a realidade. O resto son ganas de leria, e de enredar”, engadiu.