Tino Fernández afirma que “os clubs saben de sobra que poden autorizar o acceso de público ás instalacións, cos aforos que establece a Xunta”

364
  • O tenente de alcalde lembra que “os equipos que desenvolveron protocolos e cumpren coa normativa, como o Pontevedra, o Teucro ou o Cisne, xa o están a facer desde hai un tempo” 
  • O concelleiro de Deportes asegura que tamén podería permitirse a entrada aos adestramentos e non entende a polémica xerada entre pais e nais: “Son gañas de leria por parte dalgúns”

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, saíu hoxe ao paso de certas controversias existentes en torno á suposta imposibilidade dos clubs deportivos de permitir o acceso de público ao interior das instalacións municipais, asegurando que “tódolos equipos saben de sobra que xa a poden autorizar a entrada de xente, unha vez que presenten o correspondente protocolo e coa única limitación de cumprir cos aforos, que non establecemos nós, senón a Xunta de Galicia”. Neste sentido, o edil do PSOE lembra que, de feito, os clubs como o Pontevedra CF, a SD Teucro ou o Cisne Balonmán, que xa desenvolveron protocolos e que cumpren coa normativa autonómica, “xa están a permitir o acceso de público desde hai un tempo”, polo que afirma non entender a polémica que se está a xerar entre pais e nais: “Son gañas de leria por parte dalgúns”.

“Salvo que o que se lle estea a pedir ao Concello de Pontevedra é que incumpra as leis e faga a vista gorda, cousa que por suposto non vai facer esta institución, esa situación de suposta prohibición de acceso aos campos é absolutamente artificial. Calquera club que presente un protocolo axeitado, con controis de acceso, medición de temperatura, distancias de seguridade…, e que cumpra cos requisitos de aforo que lles marca a Xunta, teñen vía libre para abrir as instalacións a público, pais, nais e familiares”, subliñou o tenente de alcalde.

Tino Fernández indicou que esta autorización “podería estenderse se eles quixeran mesmo ás sesións de adestramento”, xa que “se ben o protocolo da Federación Galega de Fútbol recomenda que non asista xente aos adestramentos e a Concellería de Deportes sempre aplicou criterios de máxima prudencia e avogou por medidas como que os pais deixasen aos fillos ás portas das instalacións, no caso de que os equipos quixeran, co deseño dos oportunos protocolos, tamén podería entrar público”. “Outra cousa distinta é que haxa clubs que non queiran, que non vexan factible o cumprimento das normas e dos aforos ou que preferirían que fosemos máis laxos coa normativa, pero iso desde logo xa non é culpa do Concello”, apuntou o tenente de alcalde.

Fernández tamén incidiu no feito de que “as últimas actualizacións realizadas pola Xunta de Galicia en materia de aforos tampouco é que cambien demasiado a situación, posto que ao manterse a obrigatoriedade dunha distancia de seguridade de 1,5 metros entre persoas, na práctica, a xente que pode acceder ao campo ou ao pavillón é a mesma, tal e como reclaman directivos dalgúns equipos”. En todo caso, o edil socialista sostén que o Servizo Municipal de Deportes “estará atento a calquera modificación e matización que se poida facer na normativa autonómica, que agardemos mellore as actuais condicións”.