O espectáculo do ciclocross regresa esta fin de semana ao Hipódromo de Campañó coa celebración do V Trofeo Concello de Pontevedra

374
  • A proba, organizada polo Club Deportivo Pinarium co patrocinio da Concellería de Deportes, terá lugar o día 2 de outubro e atópase incluída dentro da Copa Galicia de Ciclocross
  • Máis de 300 ciclistas procedentes das catro provincias participarán nesta competición, que se desenvolverá en categorías masculina e feminina Elite/Sub-23, Júnior, Cadete e Máster

O espectáculo do ciclocross regresa esta fin de semana ao Hipódromo de Campañó (no lugar de Moldes) coa celebración do V Trofeo de Concello de Pontevedra, unha proba organizada polo Club Deportivo Pinarium co patrocinio da Concellería de Deportes que está dentro da Copa Galicia de Ciclocross organizada pola Federación Galega de Ciclismo e que é puntuable para o ránking da Real Federación Española. O evento terá lugar o sábado 2 de outubro a partir das 14:30 horas, nun circuíto de 2.650 metros dotado de dous boxes de material individual con mangueira, un máximo de tres obstáculos artificiais (escaleiras, tablóns…), zona de chamada e saída anexa á liña de meta e posto de primeiros auxilios.

O Trofeo foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes; José María Domínguez, presidente da Comunidade de Montes de Campañó (que cede os terreos); José Alberto del Río, técnico da Federación Galega de Ciclismo, e Pablo Martínez Bleis, un dos responsables da organización, e membro do Club Deportivo Pinarium. Tal e como salientou Tino Fernández, o circuíto do Hipódromo de Campañó “xa albergou con éxito as anteriores edicións desta proba, así como o Campionato de Galicia da modalidade, e está avalado para acoller este tipo de competicións coas medidas de seguridade especificadas pola Federación Galega de Ciclismo”, contando cunha marcaxe específica para o ciclocross e numerosas proteccións en valados ou árbores que se atopan no seu percorrido, e incluíndo un protocolo Covid para a máxima seguridade dos participantes e asistentes ao evento, así como para os propios organizadores”. “Esta competición será a antesala da Copa de España que se celebrará tamén en Pontevedra o día 9 de outubro, así como a proba de apertura da Copa Galicia de Ciclocross 2021. Está aberta para as categorías masculina e feminina de Elite/Sub-23, Júnior, Cadete e Máster (de 30 ata 60) e establecerase unha única clasificación por categoría, con premios para os tres primeiros clasificados”.

Será necesario inscribirse para entrar no recinto

Pablo Martínez precisou que, coa valoración de nivel baixo de risco para Pontevedra, a celebración da proba seguirá ao pé da letra as pautas establecidas polo ‘Protocolo de actuación para a volta da actividade ciclista fronte a Covid-19’ da Federación Galega de Ciclismo e as específicas do ‘Protocolo Fisicovid-DXTGalego do V Ciclocross Concello de Pontevedra’, “con medidas como a obrigatoriedade de acceder ao recinto con certificado de vacinación ou test PCR ou de antíxenos negativo”. O evento contará con público, accedendo unicamente ao circuíto aquelas persoas que formen parte da mesma, como staff, técnicos, auxiliares, organización, acompañantes, participantes ou medios de comunicación. Toda persoa que ingrese no recinto deberá estar previamente rexistrada online e contarase con persoal de control, medios sanitarios, ambulancia e médico.

Martínez Beis calcula que “entre 300 e 350 deportistas” tomarán parte nunha proba que, tal e como amosou o presidente dos comuneiros, a parroquia de Campañó está encantada de albergar nun escenario tan idóneo para desfrutar do espectáculo como o seu Hipódromo.

O Trofeo desenvolverase durante toda a tarde do sábado, deixando tempo suficiente para o desaloxo dos deportistas de cada unha das categorías. As probas Cadete darán comezo ás 14:30 horas e, ao finalizar estas, poranse en marcha as de Elite/Sub-23 masculina, Júnior feminina, Elite/Sub-23 e Júnior femininas, Máster 30/40/50 masculina e Máster feminina e Máster 40. 

Haberá una zona habilitada para as carpas no interior do Hipódromo de Campañó, quedará totalmente prohibido o estacionamento fóra das áreas especificadas e disporase dunha ambulancia e un posto de primeiros auxilios con médico e persoal cualificado a 120 metros da liña de meta. En caso de accidente, os ciclistas serán trasladados ao Hospital Quirón Salud Miguel Domínguez.

Para a promoción do Trofeo Concello de Pontevedra empregaranse os hashtag #CopaGaliciaPontevedra21 e #CxCampaño21. Toda a información será publicada na páxina de Facebook Ciclocross Concello de Pontevedra (https://www.facebook.com/ciclocrosspontevedra/) e na da conta oficial do club Club Deportivo Pinarium (https://www.facebook.com/ClubDeportivoPinarium/), así como no seu Instagram @cdpinarium.