As indumentarias tradicionais galegas regresan o venres á pasarela na Praza de España cun desfile no que participará a concelleira Yoya Blanco

272
  • A II Pasarela de Traxe Tradicional de Pontevedra, organizada pola Concellería de Promoción Económica e a Asociación Etnográfica Sete Espadelas, exhibirá unhas 50 vestimentas
  • O evento, que conta coa colaboración da Deputación Provincial e do colectivo Os de Algures, será de balde ata completar aforo, e leva por título ‘Co Pano de Namorar na Faldriqueira’

Unhas 50 indumentarias históricas atesouradas pola Asociación Sete Espadelas serán exhibidas este venres 1 de outubro na Praza de España ás 21:00 horas na II Pasarela de Traxe Tradicional de Pontevedra ‘Co Pano de Namorar da Faldriqueira’ (nome que fai referencia a un ‘señuelo’ de amor que levaban os homes), organizada polo colectivo etnográfico e a Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Deputación Provincial. O evento, único destas características que se fai ao aire libre na nosa cidade, incluirá un pequeno concerto de música tradicional a cargo da Asociación Cultural Gaiteiros Os de Algures, e a continuación, un espectacular desfile no que se exhibirán traxes decotío, domingueiros e de garda, así como 20 mantóns de Manila antigos (todos eles parte da exposición ‘Galicia, a terra dos mil panos’, que en 2019 acadou máis de 11.000 visitas no Museo de Pontevedra) e auténticas xoias como panos estilo Imperio, isabelinos, de mil chineses, modernistas… Algún con 200 anos de antigüidade.

Na mostra desfilarán traxes tradicionais de home, muller e nen@, todos eles antigos ou fieis reproducións, feitas a partir de estudos de campo, recollidas propias e fotografías ou pinturas da época, respectando os seus tecidos e patróns, con máis de 500 pezas de garda, domingueiras, de decotío, de feirante, montañesas, de faena e de loito, moitas delas de gran valor. O evento permitirá desfrutar de traxes típicos e antigos de toda Galicia: O Ribeiro, Valdeorras, Camba-Laza, Lanza-Mesía, Santiago de Compostela, Ermelo-Bueu, Rañestras-Rodeiro, Cedeira, Ordes, Melide, Barrela-Carballedo, Vilagarcía de Arousa, O Condado, Mende-Vilasantar, Meiro-Bueu (de leiteira), A Pastoriza (Lastra), Outes, Muros, Betanzos, Francos-Guntín, Codesido-Vilalba, Albixoi-Mesía, Portomarín, Cotobade, Val do Ulla, Moncelos-Abadín, Arzúa, Rigueira-A Pastoriza, San Cristovo de Cea, Ponte Ulla-Vedra, Malpica de Bergantiños, Castro de Rei, A Mahía, Barzademelle-Leiro e Pontevedra.

A pasarela contará, entre @s modelos que exhibirán os traxes, coa propia concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco (que durante moitos anos vestiu traxes tradicionais), e a súa filla Carmen, así como da xefa do Gabinete Socialista, Lucía Iglesias, e os seus pequenos Manel e Roi. Así o anunciou Blanco na Sala de Prensa do Teatro Principal no transcurso do acto de presentación deste desfile de indumentaria tradicional, no que participaron o presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, David Quiñones, e o seu tesoureiro, José Luis Rodríguez. 

Un traxe de Melide para a concelleira

“Levarei un traxe de Melide deses denominados ‘de domingar’, é dicir, o mellor traxe que podía ter unha muller de aldea en Galicia a mediados do século XIX, neste caso, na comarca de Melide. No Museo da Terra de Melide conservan o cinguideiro de picote raiado que se reproduciu artesanalmente para esta presentación. Nesta vestimenta destaca o pano do pescozo, unha xoia de mantón antigo de meiriño, de tres cenefas estampadas e con barras de seda, sobre o que leva un escapulario. A miña filla Carmen vestirá un traxe de garda de nena da comarca de Pontevedra, que destaca pola vistosidade dos seus bordados”, avanzou a edil de Promoción Económica.

Blanco precisou que a pasarela desenvolverase seguindo os protocolos anti Covid, “coa Praza de España valada e cadeiras con aforo limitado e con distancia de seguridade”, polo que convidou á cidadanía de Pontevedra “a asistir, a sorprenderse con este desfile e, por suposto, a quedar despois na zona para consumir na nosa hostalería”.

David Quiñones lembrou que esta II Pasarela de Traxe Tradicional regresa a Pontevedra “catro anos despois da primeira”, polo que “nos fai moita ilusión traela e, sobre todo, o emprazamento da Praza de España, un lugar espectacular para enxalzar e darlles a importancia que merecen a estas indumentarias”. Segundo resaltou o presidente de Sete Espadelas, colectivo que conta xa con 150 socios e socias e que é un referente a nivel galego en investigación, reprodución e difusión da indumentaria tradicional galega, “moitos dos traxes que poderemos ver o venres acadaron o primeiro premio nos últimos anos no Día de Enxalzamento do Traxe Galego de Santiago (a Asociación ten no seu haber 11 premios Antón Fraguas de Investigación do Traxe Galego e máis de 35 galardóns no evento compostelán)”.

José Luis Rodríguez agarda que “o tempo acompañe e non chova (en caso de precipitacións, podería adiarse o evento ao sábado 2 de outubro)”, xa que o desfile terá lugar “de noite, un momento que eliximos porque todos estes traxes tradicionais merecen un escenario, que non vai ser só a fachada do Consistorio, senón que precisamos a noite para que as luces fagan brillar ese acibeche das prendas ou resalten as cores de todas elas”. “A indumentaria forma parte de nós, a nós recoñécennos no mundo polos nosos traxes e temos unha indumentaria moi rica”, afirmou o tesoureiro de Sete Espadelas. 

Entre as prendas que exhibirán os homes atoparanse monteiras altas feitas en pano de la e veludo; capas de pano de la con esclavina; saios de picote e estameña de la abatanada; chalecos curtos de baeta ou estameña; camisas de liño de mangas plisadas e puños riscados, con bordados feitos a man nos 24 traxes de garda ou sinxelas lorzas na roupa de andar a cote; faixas de la; panos de namorar de seda ‘raíña’ tecida, en vivas cores ou tornasolados; calzóns e polainas de la; escarpíns de la fiada a man e tecidos con catro agullas; zocos de coiro de pel virada con sola de madeira de bidueiro e brochas ou zapatos de coiro de becerro, ou reloxos antigos de peto chapados en ouro.

As mulleres vestirán cofias de batista e sacramento de tule, con delicados bordados feitos a man; mantelas de pano de la de Béjar; espectaculares mantóns de Manila; magníficos panos de oito puntas; camisas de liño con bordados de fío e encaixes palillados e botóns feitos a man; saias de pano de la, de picote, de estopa, de estameña…; enaguas de liño con delicadas vainicas e entredouses e puntillas de encaixes de Camariñas; escarpíns de la fiada a man e tecidos con catro agullas; zocos de pel de becerro e zocas de madeira de bidueiro tinguidas e debuxadas en negro; zapatos e botíns de fina pel de becerro atados con fitas de seda; aderezos tradicionais de filigrana en prata dourada, sapos e crucetas sobre colares de corenta doas, cruces de Malta…; escapularios e medallas antigas, ou rosarios de prata, acibeche e marfil.