O Concello destina 4.000 euros ao convenio de colaboración con ASSEII

75

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o acordo de colaboración entre a Concellería de Benestar Social e a Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) para o financiamento do seu programa de actividades sociais do ano 2021, cunha achega económica de 4.000 euros. O acordo (cuxa formalización se iniciou nos anos 2018 e 2019) ten por obxecto o apoio ás accións que ASSEII desenvolve en favor das persoas ostomizadas e para concienciar á sociedade das dificultades coas que se atopan quenes padecen dita doenza, incluíndo a necesidade de aseos públicos adaptados para persoas ostomizadas, voluntariado e atención do espazo sanitario asociativo Hospital Montecelo e proxectos como Preciso Pasar, Asiéntate (de axuda psicolóxica), Xuntos no Camiño, Great Comebacks, Escola Permanente de Risoterapia, Brincadeira en Familia, Xornada Provincial de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Xornada Provincial de Ostomías.


Segundo sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Saúde, Tino Fernández, esta liña de subvención con ASSEII pretende “concienciar á sociedade en xeral da discapacidade invisible deste colectivo de persoas, así como das súas limitacións para o desenvolvemento da súa vida cotiá; canalizar as demandas deste colectivo e a prestación de axuda psicolóxica, e fomentar o desenvolvemento dun conxunto de actividades vencelladas ao lecer inclusivo”.