A Concellería de Igualdade organiza un videofórum en torno á peza documental ‘Benvidas ao club’ con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos

42

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) volverán reivindicar este mes cun videofórum a data do 23 de setembro, conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos, instaurado en 1999 pola Conferencia Mundial da Coalición Contra o Tráfico de Persoas en coordinación coa Conferencia de Mulleres (que tivo lugar en Dhaka, Bangladesh). Como xa fixera en anos anteriores, nos que se contou coa presenza da escritora e directora e actriz de cine Mabel Lozano, o departamento que dirixe Yoya Blanco celebrará un novo evento no Teatro Principal, que incluirá o visionado do documental ‘Benvidas ao club, da lucense Carmen Granxeiro, e un coloquio posterior moderado pola propia concelleira socialista no que participarán a directora da obra, unha representante da asociación Impunidade Carioca e a mestra do centro asociado da Uned en Pontevedra Milagros Lores Torres (doutora en Filoloxía e Máster en Educación de Xénero e Políticas de Igualdade).


“Desde a Concellería de Igualdade -asegura Yoya Blanco- queremos conmemorar este día e visibilizar a explotación sexual como unha forma máis das violencias machistas que sufrimos as mulleres”.


Debido ás medidas hixiénico-sanitarias derivadas da pandemia da Covid-19, o aforo deste videofórum, que dará comezo ás 18:00 horas, estará moi limitado, polo que está prevista a emisión do acto conmemorativo vía streaming. Para poder asistir presencialmente ao Teatro Principal será precisa a inscrición previa a través da plataforma apuntate.pontevedra.gal (o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 22 de setembro).


Poderán obter máis información sobre o evento no teléfono do CIM: 986 86 48 25.