O Campo de Tiro de Cernadiñas Novas xa carga a pólvora para celebrar o espectacular XII Trofeo Cidade de Barcelos de Armas Históricas

254
  • O evento, organizado polo Club de Tiro Olímpico Cernadiñas co apoio da Concellería de Deportes, disputarase con armas de avancarga, nas disciplinas de Kuchenreuter, Mariette e Vetterli
  • O acto de presentación do torneo contou coa presenza do vereador do Desporto da Câmara Municipal de Barcelos, Francisco Rocha, e o presidente do Club de Tiro Fervença, Eduardo Gayo

Tiradores de toda Galicia e de Portugal especializados no manexo de armas de fogo de avancarga participarán o sábado 25 de setembro no Campo de Tiro de Cernadiñas Novas (na parroquia de Bora) no XII Trofeo Cidade de Barcelos de Armas Históricas. A competición, organizada polo Club de Tiro Olímpico Cernadiñas Novas en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra e a Federación Galega de Tiro Olímpico, rexerase polas normas da Muzzle Loaders Associations International Confederation (MLAIC), o órgano reitor mundial para a competencia de armas de fogo de carga, e disputarase en tres disciplinas distintas: Kuchenreuter, Mariette e Vetterli, con premios para os tres primeiros clasificados en cada unha das modalidades.

O evento, de irmandade galego-lusa, foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o vereador do Desporto da Câmara Municipal de Barcelos, Francisco Rocha, e os presidentes do Club de Tiro Cernadiñas Novas, Antonio Escudero, e do Club de Tiro Fervença (club irmán que celebra o Trofeo Cidade de Pontevedra o 1º de maio), Eduardo Gayo. Tamén asistiron á rolda de prensa o vicepresidente do Cernadiñas, Jesús Golmar; o seu secretario, Manuel Ruibal, destacado tirador na modalidade de Armas Históricas de Avancarga, varias veces Campión de España da disciplina e gañador do Trofeo Cidade de Barcelos, e un dos seus directivos, José Grao, así como o destacado tirador portugués de Armas Históricas de Avancarga João Barreto Faria, gañador de varias competicións do Trofeo e fillo de Vasco Antonio Barreto, un vereador da Câmara de Barcelos que xogou un papel esencial na sinatura da irmandade entre ámbalas cidades.

Tal e como indicou Antonio Escudero, este trofeo naceu dunha iniciativa do Club de Tiro Fervença “na figura do seu presidente, don Eduardo Gayo, que no ano 2007 se achegou ata Pontevedra, ata Cernadiñas Novas, para propoñernos a posibilidade de realizar unha actividade conxunta para celebrar a irmandade entre Barcelos e a nosa cidade, unha idea que vimos con moi bos ollos: celebrar unha tirada anual que tería lugar o 1º de maio en Barcelos que se denominaría Trofeo Cidade de Pontevedra e que, á súa vez, tería a súa réplica no mes de setembro con outra tirada que sería o Trofeo Cidade de Barcelos”. “Tivemos que suspender en 2020 polas circunstancias da Covid -matizou-, pero desde 2008 vimos organizando estas tiradas de xeito case ininterrompido. Un trofeo que naceu como actividade deportiva acabou por converterse nun encontro entre grandes amigos, deportistas e irmáns”.

Unha modalidade moi especializada, romántica e con encanto

Escudero aclarou que “un arma de avancarga é un arma de fogo na que tanto o proxectil como o propelente son cargados pola boca do canón da mesma”, a diferencia das armas de retrocarga, nas que o proxectil se introduce pola parte posterior da mesma. “Trátase dunha modalidade -matizou Escudero- que polo tipo de arma que se emprega, na que o tirador debe preparar o seu disparo cargando a pólvora e a bala, require dunha especialización moi grande. Por este motivo, non hai un grande número de tiradores en avancarga. É unha modalidade romántica, con moito encanto”.

Non obstante, o Cernadiñas remitiu invitación a tódolos clubs de tiro de Galicia e o seu presidente agarda acadar unha participación de entre 30 e 35 tiradores (unha cifra semellante á última edición do Trofeo, que se celebrou en 2019), coa presenza confirmada de representantes das provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense. O prazo de inscricións aínda estará aberto ata o día 17 de setembro, debendo remitirse vía email á dirección de correo electrónico tiro@cernadinasnovas.es as follas de rexistro oficiais da competición acompañadas dos correspondentes xustificantes de ingreso. Tódolos tiradores participantes estarán en posesión da licenza federativa en vigor.

Na súa intervención, Tino Fernández asegurou que “unha raia no mapa non nos separa, galegos e portugueses, á beira do Miño, somo irmáns, e en Portugal eu sempre me sinto como na miña casa”, polo que é “un motivo de honra” que a comitiva lusa estea aquí e participe deste evento “que ten un compoñente deportivo relevante, xa que o tiro é importante e ten tradición en Pontevedra, mesmo cun tirador e medallista olímpico como Juan Saavedra, pero sobre todo un vencellamento solidario entre dous pobos que se queren”. “É certo que deberiamos esforzarnos máis por realizar cousas conxuntas e por facer que Barcelos e Pontevedra se unan aínda máis. Iremos nesa dirección, pero, polo momento, aproveitemos esta oportunidade que nos ofrece o Trofeo Cidade de Barcelos”, apuntou o tenente de alcalde.

Convite para asistir ao Cidade de Pontevedra en maio de 2022

Eduardo Gayo amosou a súa ledicia pola celebración destas XII edición,  despois de anos de Loita para que as institucións “comprenderan o corazón que palpita nos galegos e portugueses minhotos, que somos irmáns, sempre fomos e continuaremos a seren, e esta tirada non é máis que unha expresión desa amizade que exteriorizamos unha vez ao ano en Portugal e en España”. O presidente do Club de Tiro Fervença agradeceu o labor do presidente do Cernadiñas Novas e do seu equipo directivo para facer realidade este Trofeo Cidade de Barcelos e aproveitou a ocasión para convidar ao tenente de alcalde de Pontevedra a asistir o vindeiro ano ao municipio luso “para participar na nosa festividade, que é unha expresión de amor e de amizade”.

Unha invitación que se comprometeu a facer oficial o vereador do Desporto da Câmara de Barcelos, quen salientou que a irmandade con Pontevedra é unha das máis antigas que ten a cidade portuguesa, con máis de 50 anos de antigüidade, “e o futuro vai camiñar para que cada vez se unifique máis e perdure máis esta situación de encontro entre irmáns, que temos linguas parecidas, os mesmos principios e case as mesmas tradicións”. “O noso municipio estará de brazos abertos para acollervos en maio de 2022 e ficará unido para sempre con Pontevedra”, afirmou Francisco Rocha (un convite por suposto aceptado polo noso concelleiro de Deportes).

En base á programación do torneo, a xornada dará comezo cun control de armas entre as 10:15 e as 10:50 horas, dando comezo a competición ás 11:00 horas coa modalidade de Kuchenreuter (a 25 metros), un tipo de pistola monotiro estriada de percusión do século XIX. A continuación, en torno ás 12:00 horas, disputarase a proba na disciplina Mariette, que se practica exclusivamente con revólveres réplica de avancarga, de calquera marca, calibre e modelo (25 metros), e rematarase ás 13:00 horas coa Vetterli, modalidade con fusil libre na posición de pé (a 50 metros), na que pode empregarse  calquera arma longa de mecha, chispa ou percusión (se ben a maioría de tiradores usan rifles estriados, orixinais ou réplicas, de percusión, de tipo militar ou civil, do século XIX).

Ao remate do acto de presentación, Tino Fernández fixo entrega dun agasallo personalizado (cun pen drive da Concellería de Deportes de Pontevedra) a tódolos participantes no mesmo.