A Xeración Sónica faise maior e achégase aos centros de secundaria 
e mesmo á Universidade

22

A partir do día 15 de setembro, será posíbel formalizar a inscrición neste programa de Xuventude coa música e a creación artística como base 

Esta mañá foi presentada unha nova edición do proxecto Xeración Sónica. Trátase do cuarta edición que este programa é realizado na cidade, un programa que nace no ano 2018, dirixido por Gonzalo Maceira, Violeta Mosquera e Alejandro Alonso —Estudo Bonobo— coa idea de formar, titorizar unha xeración de mozos e mozas para potenciar e facilitar a creación e publicación de contido artístico, amais de acompañar a esta nova xeración a acceder ao espazo do Local de Música. É, en poucas palabras, «unha aposta polo desenvolvemento e a creatividade local, e polo crecemento cultural, dando boa mostra da innovación na adquisición de ferramentas de aprendizaxe para o futuro da sociedade», explica Alberto Oubiña, concelleiro de Xuventude, que tamén lembrou a importancia do uso da lingua galega «á hora de compoñer música na nosa lingua por parte das novas bandas».

Doutra banda, o Concello creou unha marca profesional de publicación e edición baixo o nome de Calavera, na que difunde o contido creado pola mocidade pontevedresa, amais de participar en festivais locais como o Surfing the Lerez ou o Galegote Rock.

A Xeración Sónica, facendo honra do seu nome, foi medrando e madurando, tratando de chegar a novos puntos, obxectivos e posibilidades. Cada ano tivo as súas actividades, que foron desde a creación á difusión, ou a simbiose de ambas co tecido económico local. A pandemia mudou todo, mais o proxecto sóubouse adaptar e continuar, e serviu para participar a través da Rede, para logo ver como o ano pasado, Xeración Sónica seguía o seu camiño dun xeito semi presencial. 

Este ano, o programa quere continuar, e quere establecer relacións interpersoais cos centros educativos, na procura de novas propostas artísticas e audiovisuais. «Queremos que a mocidade dispoña dunha potentísima ferramenta de difusión cultural a través da música, aproveitando o Local para medrar e para formar os músicos do futuro. Ademais, Xeración Sónica ten ese potencial multiplicador, que lle dan os seus docentes e, por suposto, a mocidade do Concello, que está híper preparada. Non peten na porta, é que a tiran abaixo. Son parte fundamental do tecido cultural da cidade, e así sempre tentamos amosalo».

Mañá día 15 de setembro, Xeración Sónica abrirá a súa inscrición a través de https://apuntate.pontevedra.gal/ enfocada a mocidade de entre 14 e 17 anos. Hai 30 prazas dispoñíbeis para formar seis bandas de cinco compoñentes cada banda, aínda que logo poidan mudar as formacións na procura doutras experiencias.

Gonzalo Maceira, director do proxecto, tamén sinalou a relevancia do proxecto e o seu éxito, amais da necesidade de continuar con el no tempo, poñendo exemplos concretos de bandas nadas baixo o paraugas de Xeración Sónica, e que hoxe continúan a súa viaxe musical con independencia e con sentido de seu.

«Este ano apostamos pola formación en medios técnicos e en música electrónica e programación», explicou Maceira. «Tivémonos que reinventar durante a pandemia, para o bo e para o malo, pois ensinamos a traballar en produción musical e en gravación cun resultado impresionante: se antes sacabamos dúas cancións ao ano con canda banda, nesta ocasión tivemos que cortar a programación porque o volume de temas era enorme».

Así, este ano, Xeración Sónica tamén se achegará ás radios e as televisións, na procura de novos espazos, unha débeda pendente co pasado. No sentido formativo, a idea é acudir tamén aos centros públicos da cidade e mesmo entrar na Universidade de Vigo, coa que se farán plans audiovisuais ou campañas de comunicación da man dos membros do programa, que verán, opinarán e trazarán novas vías formativas e de creación, comprobando o conxunto total do que é crear e difundir.