Pontevedra Capital Gastro regresa co Avoa Fest para recuperar o noso patrimonio gastronómico e homenaxear ás nosas avoas e ás súas receitas

194
  • O evento, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, desenvolverase entre os días 17 e 26 de setembro, e abrirase coa inauguración do Bosque da Memoria e o Desafío Filloa
  • No programa de actividades inclúese un Roteiro de Postres da Avoa en colaboración cos hostaleir@s da cidade e un taller de postres tradicionais coas avoas da residencia Saraiva 

Recuperar o patrimonio gastronómico da cidade a través da herdanza das receitas familiares, nunha homenaxe ás nosas avoas, esas mulleres que gardaron a memoria culinaria cos seus receitarios, é o principal obxectivo do Avoa Fest 2021, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro. O evento, organizado en colaboración coa firma especializada Carta Blanca, desenvolverase entre os días 17 e 26 de setembro, cun amplo programa de actividades que inclúe a instalación dun Bosque da Memoria para deixar lembranzas e receitas das nosas avoas, a celebración do Desafío Filloa, a edición dun Receitario Ancestral de Pontevedra, un Roteiro de Postres da Avoa en colaboración coa hostalería local e un taller de postres tradicionais coas avoas da residencia Saraiva.

O Avoa Fest será inaugurado o vindeiro venres 17 ás 12:00 horas coa presentación do Bosque da Memoria, nun acto no que participarán o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, que estará amenizado pola Fada da Memoria e no que tamén se visionará unha peza audiovisual realizada especialmente para promocionar a cita culinaria. O Bosque, que permanecerá instalado até o 26 de setembro na Praza da Peregrina, converterase nun espazo no que a poboación poderá ir deixando (penduradas nas árbores) homenaxes persoais, como fotografías, debuxos ou mensaxes, ás súas avoas, presentes e ausentes. Na mesma carpa colocarase tamén un buzón para que a cidadanía poida depositar as receitas tradicionais herdadas das súas familias, promovendo e poñendo en valor deste xeito a historia gastronómica da nosa cidade. “Será un espazo cargado de emocións e de amor, polas nosas avoas e pola gastronomía tradicional, no que eu mesma deixarei por suposto a miña homenaxe”, asegura Yoya Blanco.

O sábado 18 de setembro celebrarase na Alameda a partir das 18:00 horas o agardado Desafío Filloa. A través das redes sociais do Concello e de Pontevedra Capital Gastro invitarase á cidadanía para que participe enviando vídeos de avoas presentando a súa candidatura para cociñar cun neto ou neta unhas filloas. Segundo aclara Blanco, “estes vídeos serán votados para seleccionar ás parellas avoa-neto que tomarán parte no desafío, que estará conducido polo actor e humorista Isi e para o que se instalarán catro cociñas nas que deberán cociñar a mellor filloa”. “Cada equipo terá unha cor e repartiranse banderíns cos mesmos para que a xente poida achegar o seu grao de area apoiando a unha parella. O xurado -apunta a socialista- estará composto polos nosos cociñeiros e cociñeiras da Banda Cociñas de Pontevedra, que puntuará e elixirá ao equipo gañador, que recibirá a Culler de Madeira gravada”.

Outro dos pratos fortes do programa será o Roteiro de Postres da Avoa, no que os hostaleiros da cidade participarán propoñendo dentro da súa carta un postre herdado das súas avoas. A Concellería de Promoción Económica difundirá un folleto no que se dará a coñecer a proposta de establecementos.

O Avoa Fest, que tamén contempla a elaboración e edición dun Receitario Ancestral de Pontevedra coas receitas achegadas pola cidadanía (co obxectivo de ilo aumentando ano a ano), clausurarase o domingo 26 de setembro cun taller de postres tradicionais no que se implicará ás avoas da residencia Saraiva.