O programa A Vida é Movernos regresa a vindeira semana cos talleres de Iniciación ao Breaking

184
  • Os obradoiros serán impartidos polo club deportivo Da Rúa e desenvolveranse na avenida de Montero Ríos os días 14, 16 e 19 de setembro, en horario de 19:00 a 21:00 horas
  • A actividade, impulsada pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, será de balde e aberta a público de tódalas idades, con inscrición previa a través do teléfono 619 74 80 28

Mergullarse na historia xeral do breaking e a cultura urbana, acadar coñecementos elementais sobre conceptos corporais e partes básicas desta disciplina, desfrutar da danza lúdica e mesmo protagonizar unha pequena coreografía grupal son algúns dos obxectivos dos talleres de Iniciación ao Breaking organizados pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde no marco do programa municipal A Vida é Movernos. Os obradoiros, de balde, impartidos polo club deportivo Da Rúa e abertos a público de tódalas idades, desenvolveranse os vindeiros días 14, 16 e 19 de setembro na avenida de Montero Ríos, nunha área delimitada nas inmediacións do Palco da Música da Alameda, en horario de tarde, entre as 19:00 e as 21:00 horas.

A actividade foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, acompañado polos membros do club Da Rúa Alberto Pérez, Carlos Barreiro e Juan Carlos Fontán. Tal e como explicou o edil socialista, “para participar nestas aulas de Iniciación ao Breaking, destinadas a un máximo de 12 persoas, será preciso inscribirse previamente chamando ao teléfono 619 74 80 28 en horario de mañá”.

“Deportes como o breaking, o skate ou o parkour están xa perfectamente consolidados e en auxe na nosa sociedade como actividades físico-deportivas, polo que as institucións temos a obriga de ‘actualizarnos’ e respaldar a súa difusión e posta en valor. Ata 2019, ano no que o Comité Olímpico Internacional confirmou a integración provisional do breaking como modalidade olímpica para París 2024, nin sequera ostentaba a consideración de deporte”, apuntou o concelleiro do PSOE.

Segundo indicou Tino Fernández, o club Da Rúa naceu no ano 2019 (ano do anuncio do Comité Olímpico), inscribíndose no rexistro de entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Trátase do único club galego de breaking e o primeiro adherido á Federación Española de Baile Deportivo (FEBD), servindo de modelo e referente para tódolos demais clubs nacionais. Forman parte do mesmo adestradores e deportistas das catro provincias, estando presente en cidades como Santiago, Vigo, A Coruña, Noia, Ourense, Neda, Pontevedra e Ferrol, entre outras.

A través dos adestradores do club, unha media de 200 alumnos veñen formándose anualmente nas mellores escolas galegas de danza e concellos que inclúen o breaking nos seus programas deportivos ou culturais. Os mellores chegan a formar parte do equipo de competición do club Da Rúa, participando en certames oficiais a nivel nacional e internacional.

Pontevedra, pioneira en investigacións sobre o breaking

Alberto Pérez precisou que se atopa realizando un doutorado, enfocando as súas publicacións e teses ao breaking. “O ano pasado -subliñou-, facendo o meu máster en investigación, conseguín a miña primeira publicación na revista inglesa International Journal of Performance Analysis in Sport. A día de hoxe, non existe ningunha investigación aplicando a análise observacional (o seu campo) ao breaking. Neste sentido, Pontevedra sería pioneira, xa que é unha rama completamente nova nesta ciencia e o breaking nunca tivera a oportunidade de levarse a grandes bases de datos, como acontece con outros deportes”.

O estudo de Pérez consiste en analizar e rexistrar os movementos que realiza un bailarín ou bailarina e extraer deles os patróns e a información necesarios para crear datos, en forma de táboas e estatística, que a posteriori serán de alta utilidade para adestradores e preparadores á hora de enfocar os adestramentos e o rendemento d@s deportistas a nivel nacional e internacional (sobre todo tendo en conta que xa se trata dunha disciplina olímpica confirmada para París 2024). Unha investigación que, sen dúbida, será esencial para axudar a profesionalizar esta danza e normalizala dentro da ciencia do Deporte (o artigo publicado pode consultarse neste link: https://www.tandfonline.com/doi/full/10.1080/24748668.2020.1847936).

O membro do club Da Rúa afirmou que o breaking “está collendo unha velocidade vertixinosa” e amosouse convencido de que “a xente vai alucinar” con esta disciplina descoñecida nos Xogos Olímpicos, comprobando “ata onde pode chegar o corpo humano á hora de realizar certos movementos e patróns”. “Agardamos que sirva para que se coñeza, para expandilo, para que haxa un ‘boom’ como o que houbo co parkour ou co rap e para que a xente se interese, que lle guste, que busque información, que se quiten os estereotipos e que se apunten no club para tomar clases. Tentaremos xerar un movemento ao redor de todo isto”, asegurou Pérez.

As sesións impartidas polo club, que preside Anxo Barro e que ten a súa sede de adestramentos na Casa Azul, incluirán uns 15 ou 20 minutos de quecemento, unha introdución á historia xeral do break e a cultura urbana (hip hop), unha explicación de conceptos corporais e partes básicas do breaking, así como de danza lúdica, e no caso de darse a oportunidade, unha mini coreo grupal, antes de pechar con outros 15 ou 20 minutos de estiramento e volta á calma. As aulas levaranse a cabo sobre unha superficie de sintasol ou tarima de madeira para evitar roces, queimaduras ou rabuñaduras contra o chan.

Alberto Pérez incidiu en que os talleres están abertos “a todo o mundo, nenos, nenas, homes, mulleres, xente de toda idade, estatura, peso… Aquí pode bailar calquera, non son necesarios coñecementos previos de ningún tipo, comézase de cero”.

Máis información sobre o club deportivo Da Rúa e as súas especialidades na dirección web www.darua.org.