A Concellería de Desenvolvemento Sostible consigue manter a raia as colonias de pombas e gaivotas de Pontevedra a pesar da pandemia

42
  • A campaña de control en marcha neste 2021 en colaboración coa empresa Larus Control xa retirou 130 niños de gaivota (139 ovos e 45 polos) e capturou 238 exemplares de pomba
  • A pesar do cambio na actitude das aves, que gozaron de maior liberdade de movemento co descenso do tráfico, o servizo logrou que o número de parellas de gaivota se manteña en 100

A pesar de que a redución do tráfico motivou algúns cambios na actitude das aves que habitan na cidade, en especial no que se refire ás pombas, que gozaron de maior liberdade para moverse por todo o contorno urbano, as campañas de control de aves realizadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural lograron que a pandemia da Covid-19 non tivese unha influenza negativa na súa propagación e/ou traslado a outros puntos de Pontevedra. Así, o servizo levado a cabo en colaboración coa firma especializada Larus Control logrou non só que o número de exemplares de pombas e gaivotas se manteña estable en relación aos de 2019 e 2020, senón que tamén evitou a expansión do territorio ocupado por estas aves.

No que atinxe ás gaivotas, a campaña aínda en marcha neste 2021, iniciada en primavera, centrouse na zona vella e nas principais avenidas de tránsito peonil, o ensanche, Benito Corbal e Loureiro Crespo (onde hai unha maior cantidade de reclamacións). Neste período recibíronse 150 reclamacións, percorréronse 263 tellados e retiráronse 130 niños, 139 ovos e 45 polos. Segundo sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o socialista Iván Puentes, “a poboación de gaivotas baixou moitísimo desde que se iniciaron as campañas de control en 2014, xa que agora mesmo temos 100 parellas na cidade e hai oito anos situábanse por enriba das 200”.

“O servizo -subliña Puentes- está pois a amosar a súa efectividade, xa que non existe unha renovación das colonias. Os polos que tiñan que volver instalarse na colonia xa se retiraron hai catro anos, e en consecuencia hai as mesmas gaivotas de sempre, máis vellas. As gaivotas adultas están cada vez máis minguadas e teñen menos ovos. De feito, temos 100 parellas censadas e só retiramos 130 niños, o que pon de manifesto que xa non hai case postas de reposición. Moitas mesmo só están poñendo un ovo ou dous na primeira posta. Estámolas obrigando a facer un esforzo que mingua a súa capacidade de reprodución”.

Asemade, conseguiuse que as gaivotas patiamarelas foran pouco a pouco desprazando os seus aniñamentos desde a zona vella, que era o seu lugar predilecto e no que estaban condensadas, cara a outros puntos de Benito Corbal, Loureiro Crespo e A Parda. Tal e como explica Juan Fraga, responsable de Larus Control, “a pandemia non influíu tampouco nese sentido e as gaivotas seguen a estar nos mesmos espazos, coa diferenza de que o núcleo inicial estaba máis concentrado no casco antigo e agora estanse abrindo tamén cara a zona nova, desprazando os seus niños ou desaparecendo”.

Paliar os problemas que sofre a hostalería na zona vella

No que se refire á campaña de control de pombas, este estase a centrar nos contornos da Ferrería e a Praza de España, zonas nas que se asentan un bo número de locais de hostalería con terrazas e, polo tanto, onde se detectan máis problemas. Até o pasado 26 de agosto, o servizo realizado por Larus Control, ao que a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou un orzamento duns 18.000 euros, leva retiradas unhas 238 pombas mediante a instalación de gaiolas. “O número de pombas tamén se estabilizou (o censo sitúase nuns 150 exemplares no contorno da Ferrería) e a pandemia só se puido notar un pouco no seu comportamento, ao dispor de maior liberdade para moverse polo casco urbano, pero non se trasladaron, polo que non houbo unha influenza real”, asegura Juan Fraga. 

Así pois, as cifras de capturas seguen unha evolución semellante ás do ano pasado, xa que en todo 2020 foron retiradas 404 pombas da zona vella e sacáronse 111 niños, 285 ovos e 44 polos de gaivota (revisándose 227 tellados). Non obstante, o número de pombas capturadas verase incrementado nos vindeiros meses ata situarse con absoluta probabilidade nos do ano pasado, posto que a campaña de control do Concello prolongarase ata outubro.

Iván Puentes amósase moi satisfeito “co grao de concienciación e colaboración cidadá que se acadou grazas a estas campañas, logrando que a xente, as xestorías e comunidades de veciños xa chamen por inercia no mes de maio (coincidindo co inicio das mesmas)”. “É un servizo moi asentado -sinala o edil do PSOE- e os cidadáns botan man del con total normalidade. Os pontevedreses estamos tan concienciados que Larus Control non precisa practicamente de chamar a ninguén. Xa chaman as propias comunidades de veciños. Sempre hai alguén que se esquece, pero o 90% da xente xa avisa no mes de maio para que vaian retirar os niños”.

Os exemplares de pomba capturados son trasladados a un centro especializado para a súa solta en zonas nas que existan depredadores naturais, sendo sacrificadas aquelas que estean enfermas (e que, polo tanto, supoñan un risco para a salubridade e a saúde), como establece a normativa. En base ao regulamento da Xunta de Galicia, os polos de gaivota retirados deben devolverse aos seus hábitats naturais en espazos costeiros como é o caso do Parque Nacional das Illas Atlánticas.