Os veciños de Pontevedra xa poden desfrutar dun novo parque dotado de dúas pistas de petanca e zonas de sombra e descanso no barrio do Burgo

274
  • O proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible na parte traseira do Pavillón dos Deportes incluíu a dotación de bancos, árbores, xardíns, fonte e sistema de iluminación e rega
  • Os traballos de rexeneración paisaxística, nos que se investiron uns 43.000 €, supoñen unha mellora substancial na accesibilidade e comunicación da zona de Pasarón e a avenida de Compostela

Os veciños de Pontevedra xa poden desfrutar dun novo parque de 652 metros cadrados dotado de dúas pistas de petanca e de zonas sombra e descanso nun barrio en plena expansión como o do Burgo. A zona verde, deseñada como punto de encontro, lecer e práctica deportiva, atópase situada entre a rúa Fernández Cochón e a avenida de Compostela, na parte traseira do Pavillón Municipal dos Deportes, nunha parcela que estaba moi degradada e que acumulaba entullos, pedras e maleza. 

As actuacións de rexeneración paisaxística executadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural incluíron a limpeza dos terreos, a demolición dos vellos muros perimetrais e a nivelación, afirmado e rasanteado do solar mediante unha motoniveladora; a pavimentación da parcela con terrizo de xabre granítico de dez centímetros de espesor (coa incorporación dunha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2), e a instalación dunha fonte e de varias papeleiras, así como de diversos bancos corridos e dun circular (na esquina noroeste), todos eles con asento de madeira e con amplitudes que fan posible o mantemento do distanciamento social. Ademais, instalouse un sistema de iluminación que permitirá xogar á petanca en condicións de pouca luz natural e polas noites, o que aumenta as horas de uso das pistas durante o inverno.

En opinión de Iván Puentes, “o proxecto traduciuse nunha fermosa composición a nivel de xardinería, con dous tipos de plantacións: por unha banda, aliñacións arbóreas nas lindes do parque (cara á rúa Fernández Cochón) e na proximidade das pistas de petanca (para darlles sombra a estas e aos bancos); e pola outra, unha zona constituída por un noiro situado ao noroeste do solar, onde a vexetación se adaptou a unha topografía ascendente en dirección á capela do Santiaguiño. Nesta mesma esquina construíuse un banco de pedra rematado en madeira que enmarca e delimita o noiro”.

A zona verde quedou delimitada perimetralmente por muros de mampostería cun acabado moi coidado a nivel estético e por un valado metálico pintado en cor verde. As zonas verdes conservaranse mediante un sistema de rego automatizado, por goteo con mangueiras perforadas no caso do noiro, por redes de aspersión na franxa de céspede máis ancha e mediante difusores nos outros xardíns.

Exhibición de petanca para pechar o acto inaugural

O novo parque foi oficialmente inaugurado esta mañá polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, nun acto no que estiveron acompañados dos concelleiros Marcos Rey, Xaquín Moreda, Guillermo Juncal e Martín Martínez, e ao que asistiu un nutrido grupo de veciños e de membros da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra. Ao finalizar as intervencións institucionais, os ‘mestres’ petanqueiros ofreceron aos responsables políticos unha clase rápida de petanca, abrindo a quenda para que os dirixentes puidesen amosar a súa puntería e destrezas nunha ‘exhibición’.

O rexedor municipal lembrou que, tras esta actuación, “froito dun traballo conxunto dun Goberno, de xeito coordinado cos servizos de Deportes e de Desenvolvemento Sostible, para gañar espazos públicos e melloralos e acadar unha maior cohesión social”, o concello de Pontevedra xa dispón de doce terreos dotados de campos de petanca. Fernández Lores incidiu nas importantes intervencións aínda proxectadas neste barrio, coa inminente ampliación deste novo parque cara unha parcela anexa ou a continuidade do Camiño Portugués a Santiago pola Santiña, “que é unha espiña que teño cravada, porque probablemente sexa o espazo público utilizado con peor calidade neste momento e que, en consecuencia, é unha prioridade para nós”.

Tino Fernández subliñou que “ademais de converter este espazo nun lugar de encontro, xogo e descanso para a veciñanza do barrio e para os moitos afeccionados á petanca que ten este concello, as obras realizadas supuxeron unha mellora substancial na accesibilidade e a comunicación coa zona de Pasarón e coa avenida de Compostela, ao xerarse unha senda que conecta o parque coa capela de Santiaguiño do Burgo”. Ao seu xeito de entender, “trátase dunha actuación que logrou crear un espazo de grande calidade urbanística, incidindo no obxectivo de impulsar corredores verdes que conecten os parques da cidade coas marxes dos río Lérez e a ría de Pontevedra”. O tenente de alcalde avanzou a súa intención de ampliar a rede de equipamentos de petanca do noso municipio coa creación de sete novos campos neste mesmo mandato

O concelleiro Iván Puentes amosouse “encantado” cos resultados desta intervención e lembrou que a súa intención é “darlle continuidade ao proxecto incorporando ao parque outros 400 metros cadrados de superficie da parcela adxacente (que durante meses ocupou un vehículo abandonado convertido nunha montaña de cascallos e lixo e que foi retirado por Desenvolvemento Sostible)”. “Deste xeito, os veciños poderán contar cunha zona verde moito máis ampla, de máis de 1.000 metros cadrados, na que se crearán unha pista de petanca máis e dous xogos de chave. Esta nova actuación situaría o investimento global do proxecto en máis de 86.000 euros”.