A mudanza en feminino do rueiro da cidade chega a Tik Tok grazas ao programa ‘A memoria das mulleres’

90

A tiktoker María Rúa (@pradorua) publica hoxe ás 15 horas un vídeo onde recolle algúns dos últimos cambios feitos nas rúas da cidade na procura dunha maior igualdade a través dunha maior presenza da muller

É a sexta das oito pezas audiovisuais que se están a distribuír a través de tres recoñecidas influencers galegas

«A maioría de rúas teñen nome de homes. En Pontevedra isto está mudando». Son os dous primeiros enunciados que a tiktoker María Rúa (pradorua) sinala no seu último vídeo, amparado baixo o paraugas do programa ‘A memoria das mulleres’, iniciado polo Concello de Pontevedra.

A influencer galega utiliza a música das Tanxugueiras para apoiar a mensaxe que quere transmitir, e lembrar que no rueiro da cidade, xunto con outros espazos públicos, as mulleres están cada vez máis visíbeis. Rúa ilustra isto con imaxes dos últimos murais feitos na cidade, e sinalando algunhas das mulleres ilustres que xa contan con representación na cidade como Amalia Álvarez,  Josefina Arruti, María Victoria Moreno, Concepción Arenal; animando a seguir loitando por unha representación máis xusta e igualitaria.

A peza audiovisual queda enmarcada na filosofía base de ‘Memoria das mulleres’ que é a da difusión da loita antifascista e da traxectoria das mulleres pontevedresas entre o público máis novo, utilizando as plataformas e recursos propios da mocidade pontevedresa actual. O proxecto da Concellaría de Memoria Histórica xa difundiu un total de seis vídeos deste tipo, onde as tiktokers galegas Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa poñen voz e imaxe a situacións de índole histórica ou social como Ence o drama da draga ou a defensa da lingua e a loita contra os tópicos máis comúns.

A de hoxe é a sexta peza, polo que aínda quedarán dúas máis por seren estreadas nas vindeiras semanas, até alcanzar os oito vídeos publicados.