O Son do Verán comeza a súa recta final co ‘Acústica na Parda’ e o ‘Cine e Estrelas’

76

O ciclo de cinema adianta media hora a súa programación para non entrar en conflito coa normativa sanitaria actual, que non permite reunións de non conviventes a partir da unha da mañá

Os concertos da Parda terán como protagonistas a músicos da cidade ou moi próximos a ela, celebrándose tres repertorios por día, entre o venres 30 de xullo e o domingo 1 de agosto 

O Son do Verán continúa ofrecendo unha programación variada en estilos e formas. Dúas das citas que están por chegar son o Acústica na Parda e o Cine e Estrelas.

A primeira englóbase dentro do ambiente musical local da Boa Vila. Tres sesións, con tres concertos diferentes e de relevancia, na Parda. O primeiro de cada día comezará ás 20 horas. Acústica na Parda mantén a filosofía do Concello de ofrecer alternativas de ocio nos barrios da Boa Vila, chegando cada vez a máis espazos da cidade.

Venres 30

  • O Rabelo (20h) – Dotado dun enorme potencial e un talento revindicativo, O Rabelo toma o rap como base, para logo beber doutras propostas de forte tradición oral, como son as regueifas. Antifascista, transfeminista, anarquista e a favor da amabilidade, os cuidados e a paciéncia para transformar o mundo e a violéncia para rebentar o sistema. 
  • Queco Lago (21.30h) – O artista pontevedrés continúa medrando como compositor, usando a súa voz e a súa guitarra para crear novos relatos sonoros ou adaptar ao seu estilo propostas e cancións de músicos ben coñecidos.
  • Jacobo Saínz (22.45h) – Tralo seu paso pola banda de metal Vortex, Jacobo Saínz achou novas inspiracións de raíces blues e pop, afondando en novos estilos e procurando levar as súas composicións a outros niveis e espazos melódicos.

Sábado 31

  • Palito (20h) – Cantautora pontevedresa de enorme sensibilidade, conta cun disco producido polo produtor e guitarrista Javier Lopez de Guereña, musico de Javier Krahe e arreglista de Los Toreros muertos e Ana Belén entre outros. Os seus inicios arrancaron en bandas locais como Doble Morgan e Mr.Magoo. Na actualidade vai en solitario a bares e chiringuitos.
  • Corbi (21.30h) – Defínese como o mítico melancólico pontevedrés que sempre argalla unha pequena raiada. Militante doutros grupos como Matadero, Columna Vegana ou Samba Fuego, neste proxecto en solitario preséntase coa súa guitarra alternando entre o berro e o murmurio enfermizo para falar de cousas e da vida en xeral.
  • Miríada (22.45h) – As súas referencias musicais móvense por unha enorme variedade de xéneros, dende o pop, ó rock e o indie; pasando por el R&B, o hip-hop e o rap até chegar ao mundo da electrónica e o DJ. “Miríada” alude os múltiples intereses e referentes artísticos dos que bebe, aínda coa porta moi aberta a novidade e a experimentación.

Domingo 1

  • Nee Barros (20h) – Ê Nee é une queixicas e, como a xente lle fai caso cando se queixa, ten dous libros publicados: 19 poemas para um VÍRUS-19 e Identidade. A normalidade do non-común. Podes atopale nas redes como neeumatiko onde fala de literatura, da linguaxe non-binaria e de facer ativismo. Elu do que non gosta é de estar quiete.
  • Pitt Muffin (21.30h) – Revisita e crea en solitario, e en formato acústico, escuros temas da era Punk e Post-Punk.
  • Joao Tomba (22.45h) – Novo asalto de Joao Tomba o status quo do conformismo e lugar común que se impón nesta a nosa sociedade do século XXI. Empeñado e maltratado polo poder, Joao, fuxe das débedas e da mezquindade. Iniciase así a nova aventura de Joao. Nove temas que compoñen o seu novo disco e que supoñen una revisión a morte dos Rolling Stones ou Burning.

E non esquezamos o Cinema!

A aposta por un ocio alternativo tamén se materializa coa posibilidade de poder ver algunhas das mellores películas dos últimos anos, grazas ao Cineclube Pontevedra.

Entre o luns, 2 de agosto, e o venres, 6 de agosto, a veciñanza da cidade poderá gozar na Praza da Pedreira dun cinema relevante, histórico e de balde.

Para non entrar en conflito coa normativa sanitaria actual, que non permite as reunións entre non conviventes a partir da unha da madrugada, a nova hora de comezo dos filmes pasa a ser ás 22.30 horas. En TODAS as proxeccións. Co anterior horario, tendo en conta a duración dalgunhas obras, sería difícil finalizar á hora estipulada como legal.

Queda a listaxe de películas a proxectar a continuación. Todas en Versión Orixinal con lendas en castelán, agás O que arde, que será en Versión Orixinal, en galego.

  • Luns 2 – Eu, Tonya
  • Martes 3 – Tres anuncios nas aforas
  • Mércores 4 – O que arde
  • Xoves 5 – Parásitos
  • Venres 6 – A noite do cazador