O Concello prioriza Monte Porreiro 
nas axudas para vivenda 
dos fondos Next Generation

23

Se o barrio obtén esta definición, recollida nos fondos europeos Next Generation, poderá optar a unha primeira liña de axudas convocada por Bruxelas

Boa parte das achegas poderán ser destinadas a rehabilitación de vivendas, que poderán alcanzar os 19.200 euros por cada unha.

O Concello de Pontevedra vén de comezar os trámites para que o barrio de Monte Porreiro sexa declarado como contorna residencial de rehabilitación programada. Trátase dunha definición moi concreta, recollida na convocatoria dos fondos europeos Next Generation.

A primeira liña de axudas, convocada por Bruxelas, destinará 1.151 millóns de euros a este plan. Desta cifra, 67,2 millóns serán transferidos á Xunta de Galicia, que terá a obriga de investir un 30 % deses cartos, uns 20 millóns, en axudas para rehabilitacións de barrios.

Segundo explicou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, estas axudas poderán ser materializadas a través de tres tipos de actuacións:

  • Para a creación de oficina de portelo único (que xestionarán estes trámites)
  • Para melloras na mobilidade
  • Para a rehabilitación de edificios de vivendas, poñendo o poco na eficiencia enerxética, mais non só aplicables para este asunto.

Estas últimas son as que máis interese poden suscitar no barrio, que o mesmo concelleiro calificou de «importantes». Cada vivenda podería optar a 19.200 euros, porén, en certos casos, e dependendo das necesidades económicas dos residentes, as subvencións poderían alcanzar o 100 % da obra.

Fernández comparou estas axudas e o seu funcionamento ás do ARI do centro histórico ou de Estribela, onde os donos dos edificios reciben ata o 80 % dos cartos que invisten nas reformas.

O Concello decidiu apostar por Monte Porreiro á hora de optar a estas axudas pois acredita unha delimitación cartográfica como barrio moi definida, requisito imprescindible dentro dos trámites. Tamén terá de ser elaborada unha memoria que recolla un programa de actuación e unha análise urbanística, sociolóxica, ambiental ou residencial do barrio.

A institución local espera chegar ao 2022 «cos deberes feitos», perante a idea de traballar coa maior axilidade posíbel cando a Xunta abra o período de axudas, que chegarán até o ano 2026.