A reforma principal de Loureiro Crespo rematará esta noite e o venres quedará aberta

43

As actuacións máis relevantes finalizarán hoxe, restando só a colocación do mobiliario urbano nun tramo da rúa e as tareas para arborizala.

A semana que vén, última de xullo, comezarán as actuacións en Ernesto Caballero, dando inicio a reforma integral do Barrio do Castañal.

A reforma da rúa Loureiro Crespo está próxima a rematar nas vindeiras horas, após o asfaltado que se está a realizar este mércores, 21 de xullo, e o pintado da calzada na noite. Doutra banda, pronto será incluído o mobiliario urbano. O conxunto de árbores deberá agardar un chisco máis, até a finalización completa do barrio do Castañal. A rúa abrirá este venres para o seu uso pleno, incluíndose tamén nesta apertura a travesía da Eiriña.

Porén, a actividade relacionada con esta actuación continúa a avanzar logo da petición da empresa responsábel dunha prórroga de catro meses para rematar os traballos, aprobada pola Xunta de Goberno o pasado 12 de xullo. O atraso nas obras chegou da man da crise sanitaria provocada pola Covid-19 e as diversas dificultades técnicas que xurdiron durante a execución da obra, como as relacionadas coa instalación das redes de telecomunicacións.

Cunha data de finalización para o mes de novembro, o Barrio do Castañal vivirá o inicio da súa reforma a vindeira semana, momentro no que comenzarán os traballos en Ernesto Caballero, que mudará radicalmente a súa fisonomía, pasando a ser unha rúa de plataforma única, con capas de formigón confinadas entre lastro de pedra, amais de novo arborado e mobiliario urbano nas zonas de maior ancho. Estas medidas serán aplicadas tamén nas rúas Forcarei e Amor Ruibal, namentres as rúas Mestre Soutullo e Ramón Cabanillas ampliarán as beirarrúas e manterán un único carril de circulación.