Ence e ‘o drama da draga’ no Tik Tok da Memoria das mulleres

72
  • A tiktoker Laura Franco achégase á loita veciñal contra Ence e explica con retranca e humor como a protesta das mulleres de Ponte Sampaio, Arcade e Paredes contra a draga da ría

“Vaslle dicir ti ás mulleres de Pontevedra cando teñen que protestar?”. Esta é a pregunta que a tiktoker Laura Franco (@laurafranco111) apunta no seu novo vídeo do programa ‘A memoria das mulleres’ para explicar a loita veciñal contra Ence e, nomeadamente, as protestas das mulleres de Ponte Sampaio, Arcade e Paredes contra a draga da ría. 

Coas habituais doses de humor e retranca que caracterizan os seus vídeos, Laura Franco revisita o que denomina ‘o drama da draga’ e conta a historia dun grupo de mulleres que nos anos 60 “se xuntaron para loitar polo sustento das súas parroquias e da ría e que querían botar dalí a aqueles homes que extraían area do fondo para utilizala na construción”. 

A tiktoker pon o énfase na “intelixencia” daquelas mulleres que conseguiron embarrancar as barcas da draga tirándolle pedras e que se protexeron das forzas de seguridade extendendo unha bandeira de España no solo como barreira, posto que os axentes tiñan prohibido pisala e atravesala. “A guerra durou só un día e gañaron elas” afirma rotunda Laura Franco, quen ademais apostilla que “todos temos pelexar polo noso e agora esta xente está pelexendo en contra de Ence e que como non se solucione aínda imos ter que contactar coa xente daquela e que veñan as mulleres da  loita da draga facer algo aquí”.

Esta peza enmárcase na filosofía de promover a difusión da loita antifascista e da traxectoria das mulleres pontevedresas entre o público máis novo e utilizando as plataformas e recursos propios da mocidade actual. Convén lembrar que esta iniciativa é unha das novidades deste ano do programa ‘A memoria das mulleres’ que desenvolve a Concellaría de Memoria Histórica, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, e na que participan tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco (@laurafranco111), Leti da Taberna (@letidataberna_) e María Rúa (@pradorua). Ata final de ano publicarán un total de 8 vídeos nas súas contas de Tik Tok.