O Concello destina máis de 3 millóns de euros á mellora de viais en Lourizán, Marcón, Campañó, Mourente, Lérez e A Canicouva

45
  • Trátase das obras incluídas na modificación de crédito, que reserva para actuacións no rural un total de 3.065.493,12 euros
  • Suman preto de 7,5 km de vías municipais nas que se renovará a capa de rodadura, se instalarán elementos de calmado de tráfico, se renovarán as canalizacións de pluviais e se instalará nova sinalización

O Concellaría do Rural, que coordina o concelleiro Alberto Oubiña, prevé acometer neste exercicio a mellora de viais en seis parroquias do rural pontevedrés, que contarán cun investimento total de 3.065.493,12 euros. Trátase de seis grandes actuacións que se realizarán con cargo á modificación de crédito aprobada na sesión plenaria do mes de maio. 

Con carácter xeral, as actuacións contemplan a renovación da capa de rodadura, a instalación de elementos de calmado de tráfico, a renovación das canalizacións de pluviais e a instalación de nova sinalización. Nalgúns tramos tamén está previsto o ensanchamento da vía, a realización de muros de sostemento e a instalación de varandas. En total, suman 7.459 metros de vías municipais nos que se intervirá.

Estas actuacións responden ao obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza destas parroquias, xa que todos os viais nos que está previsto actuar son moi transitados polas persoas que residen nestas zonas. As intervencións previstas, ademais de mellorar determinados servizos, proporcionarán mellores condicións de accesibilidade e de seguridade viaria.

Por parroquias, en Campañó melloraranse 1.685 metros de viais entre Carballiños e Ferreiros. Esta actuación, que conta cun orzamento de 432.596,36 euros, inclúe a renovación da pavimentación, instalación de pluviais, o ensanchamento dun tramo de 140 metros no acceso a Sabarís, a instalación de lombos e muros de contención, e nova sinalización.

En Mourente, a intervención está prevista no vial do Pazo a Carabelos. Trátase dun tramo de 1.220 metros, que conta cun orzamento de 437.460,08 euros, e que ademais da capa de rodadura, lombos e nova sinalización, implicará a demolición das actuais canalizacións de pluviais para substituílas por unhas novas. O tramo no que se actuará é un vial paralelo á estrada de Ourense (PO 541) no que se colocou o abastecemento recentemente pero no que, dadas as condicións do vial e a densidade de poboación á que dá servizo, se realiza esta actuación fóra do contrato de Viaqua para renovar a canalización de pluviais

Na parroquia da Canicouva, intervirase nun tramo 820 metros, no que renovará a capa de rodadura, instalaranse lombos e renovaranse pluviais e sinalización. Ademais acometerase o ensanchamento do vial en todo o tramo e instalaranse muros de contención. Esta intervención ten un orzamento de 742.969,13 euros.

No caso de Lérez completarase a actuación no Ramallás que se realizou hai uns meses coa dotación de saneamento nese lugar, respondendo a unha demanda histórica da veciñanza. Nese treito no que se colocara o saneamento pavimentouse e quedou arranxado e agora continúase nun tramo de 558 metros. O orzamento ascende a 386.897,39 euros e ao igual que nas demais actuacións instalaranse elementos de redución de velocidade, renovarase a capa de rodadura, pluviais e sinalización. Ademais neste caso, acometerase o ensanchamento dun tramo de 336 metros.

A estas catro actuacións, súmanselle as dúas das que xa informara Alberto Oubiña tras a aprobación da modificación de crédito: a da Peralba, en Marcón, cun investimento de 564.248,34 € para 1.995 metros de viais; e a do vial de Rial a Rorís-A Meán-Liñares, na parroquia de Lourizán, cun investimento de 455.190, 94€ para 1.181 metros de viais.

Todas estas actuacións contan co obrigado plan de seguridade e saúde, que ascende 46.130,88 euros.