Pontevedra xa quece motores para unha nova edición virtual da carreira solidaria Ponle Freno

43
  • A cidade, sede embaixadora do evento que se desenvolverá de xeito sincronizado en toda España a fin de semana do 19  e 20 de xuño, pon hoxe en marcha unha potente campaña promocional
  • Tino Fernández presentou o evento na Praza de España, nun acto no que participaron o director da Fundación Axa, Josep Alfonso, e a responsable de Comunicación da carreira, Natalia Rico 

Coincidindo co inicio dunha potente campaña promocional, coa instalación dun tótem na Praza de España e a colocación de carteis en diversos mupis, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, presidiu esta mañá o acto de presentación da carreira solidaria Ponle Freno 2021, no que participaron Natalia Rico, responsable de Comunicación do Circuíto de Carreiras Ponle Freno; Josep Alfonso, director xeral do Centro de Estudos Ponle Freno Axa e a Fundación Axa; Ainara Ruiz de Gauna, directora territorial Oeste de Axa Seguros, e Miguel Ángel Novoa, director rexional de Onda Cero Pontevedra, Vigo e Ourense. A pé de rúa, na propia Praza de España, a rolda de prensa serviu para dar a coñecer as principais novidades desta nova edición en formato virtual, á que a nosa cidade se adheriu como sede embaixadora xunto con outras nove urbes: ás sete que xa formaban parte do circuíto na modalidade presencial antes de que se tivesen que interromper as carreiras debido á Covid-19 (Vitoria, Madrid, Badalona, Pontevedra, Zaragoza, Málaga e As Palmas), incorporáronse Valencia, Santander e Sevilla.

Tal e como anunciou Tino Fernández, “Ponle Freno, a maior plataforma de acción social pola seguridade vial impulsada por Atresmedia, xa quece motores para dar a benvida á súa nova gran carreira solidaria virtual, que se celebrará de xeito sincronizado en toda España a fin de semana do 19 e 20 de xuño”. Segundo sinalou o edil do PSOE, “tras bater o récord de participación o ano pasado con máis de 35.000 corredores, o evento, que conta coa colaboración da Fundación Axa como socio estratéxico e da Red de Talleres CGA como patrocinador oficial, chega en 2021 coa vocación de achegarse máis aos participantes con accións específicas e de animar a tódolos pontevedreses a saír a correr cun obxectivo tan motivador como é o de salvar vidas”. “A nosa cidade -asegurou- contará cunha forte presenza de Ponle Freno nas súas rúas coa finalidade de dinamizar a participación cidadá e de que entre todos contribuamos a bater un novo récord e a destinar fondos a un proxecto de axuda a vítimas de accidentes de tráfico, nesta ocasión para o Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo, centro de referencia no tratamento integral das lesións medulares”.

Unha proba piloto presencial en Valencia

Natalia Rico afirmou que “desde un primeiro momento soubemos que Pontevedra era unha cidade idílica que tiña que formar parte do circuíto de Ponle Freno e coa que seguimos contando para participar nesta gran festa da seguridade vial e o deporte, que moi pronto se poderá volver organizar de xeito presencial”. Neste sentido, Rico indicou que “outra das grandes novidades que trae consigo esta edición será a celebración en Valencia, o domingo 20 de xuño, da primeira gran carreira presencial de Ponle Freno a nivel nacional trala pandemia, unha proba piloto aberta a participantes de toda España para volver correr xuntos e seguros co obxectivo de salvar vidas”. “Agardamos regresar moi pronto a Pontevedra cunha carreira física”, asegurou.

Na súa intervención, Josep Alfonso apuntou que “o espírito da carreira Ponle Freno segue vivo”, coa seguridade vial como principal obxectivo, “e se sempre é importante falar de seguridade vial en calquera momento ou situación, aínda o é máis en Pontevedra”. “Se existe unha cidade embaixadora e comprometida coa seguridade vial -sinalou o director da Fundación Axa- esa é Pontevedra, que foi unha das primeiras cidades, se non a primeira, que tomou a decisión de pechar o centro urbano á circulación de coches. Hoxe en día, podemos observar en primeira liña e en primeira persoa que hai un marco de normalidade absolutamente asumido por todos e que Pontevedra é unha das cidades cunha das cifras máis baixas de España no que atinxe a accidentes de tráfico e, o que é máis importante, de vítimas”.

Tino Fernández lembrou que Pontevedra “tamén foi pioneira na organización de carreiras de carácter presencial”, pois “xa no mes de outubro logramos celebrar un medio maratón pese a tódalas dificultades que entrañaba”. Na opinión do tenente de alcalde, isto reflicte “a aposta da nosa cidade pola actividade física e a vida saudable, un ámbito do que tamén forman parte medidas como reducir o tráfico dentro do casco urbano, disuadir á xente de que empregue o coche, favorecer que as persoas camiñen e utilicen a bicicleta, reducir as velocidades e gañar espazos para uso e desfrute dos cidadáns, peonalizando prazas como esta polas que ata hai non moito pasaban máis de 30.000 coches ao día”. 

Á marxe da presenza do evento nas rúas das dez sedes do circuíto a través de cartelería e coa inauguración de tótems informativos en ubicacións principais de cada unha delas, unha vez máis tódalas canles de Atresmedia e perfís oficiais de redes sociais, así como a plataforma ponlefreno.com (desde a que se poden realizar as inscricións), poranse en funcionamento para animar á cidadanía a sumarse a esta cita. Para participar nesta carreira virtual, a iniciativa contará novamente coa aplicación específica Ponle Freno Virtual (App PFV), que permitirá a xeolocalización e sincronización de tódolos corredores.

O teléfono móbil será o chip dos corredores

A carreira levarase a cabo en dous días, desde as 6:00 horas do sábado 19 de xuño ata as 23:00 horas do domingo 20 de xuño. Durante este período, o usuario debe completar a distancia seleccionada, de 5 ou 10 quilómetros e, a través da aplicación previamente descargada no seu móbil, subir o resultado co que compite. Deste xeito, o teléfono funcionará como chip de cada participante. 

A páxina ponlefreno.com publicará circuítos recomendados nas distintas cidades para competir nos días da cita. As clasificacións estarán dispoñibles na web oficial a partir do luns 21 de xuño.

Outra das novidades deste ano consiste no lanzamento dunha edición especial e personalizada das zapatillas deportivas Ponle Freno, grazas á colaboración de Health, marca técnica especializada en running e avalada pola Asociación Internacional de Maratóns e Carreiras de Distancia (AIMS), da que é firma oficial. 

Este deseño exclusivo, que conta co logotipo serigrafado, poderase adquirir a través dunha prevenda durante o proceso de inscrición, a un prezo especial de 39 euros por participar na carreira. As entregas realizaranse a partir de agosto.

Dado que a equipación de Ponle Freno é algo que distinguiu ano tras ano aos participantes das súas carreiras, convertendo estas citas nunha auténtica marea pola seguridade vial, a organización tamén decidiu lanzar unha edición especial de camisetas con sublimación en cor para os 5.000 primeiros inscritos.

Como en anteriores convocatorias, ademais de poder completarse percorridos de 5 ou 10 quilómetros, a carreira contará coas modalidades masculina, feminina e handbike, así como Júnior (tamén en categorías feminina e masculina, pero unicamente con distancia de 5 quilómetros). Desta maneira, Ponle Freno quere ser unha carreira inclusiva, que convide a todos a participar. Igualmente, será posible realizar unha doazón á causa aínda que non se vaia participar.

Ponle Freno, a primeira das grandes accións de responsabilidade corporativa do Grupo Atresmedia, naceu en 2008 e supuxo a pedra inaugural co Compromiso Atresmedia, do que tamén forman parte ‘Constantes y Vitales’, ‘Objetivo Bienestar’, ‘Hazte Eco’, ‘Contra el maltrato, Tolerancia Cero’, ‘Crea Cultura’ e ‘Levanta la cabeza’, así como os proxectos da Fundación Atresmedia, o voluntariado corporativo e as campañas sociais emprendidas polo grupo.