A pintora Mercedes Ruibal e o traballo dos canteiros protagonizan o novo mural de ‘O teu cole na historia’ no CEIP Santo André de Xeve

42
  • Trátase da duodécima intervención artística realizada por Kike Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, no marco do programa impulsado pola Concellería de Educación
  • Na pintura, un miñato vixía desde o lugar da Miñoteira estas terras cheas de fontes, muíños e lavadoiros e de vestixios de arte rupestre da Idade de Bronce como o Penado de Argoenxa

A pintora nada en Xeve Mercedes Ruibal, o traballo dos canteiros e un miñato que vixía o horizonte dende o lugar da Miñoteira son os protagonistas do mural que Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, veñen de rematar no CEIP Santo André de Xeve. Nesta intervención, a duodécima realizada no marco do proxecto municipal ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’, tamén se recollen as fontes, muíños e lavadoiros que poboan estas terras, así como vestixios da arte rupestre da Idade do Bronce como o Penedo de Argoenxa.

O proxecto, impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de que os alumnos dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles, está a piques de completarse, despois de adornar ao longo destes meses coa pintura da memoria e a natureza os muros dos CEIP de Cabanas, Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, os CEP Campolongo e Marcos da Portela, a EEI de Verducido e, agora o CEIP Santo André de Xeve. “Está previsto que se realicen murais nos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo) e a EEI Fina Casalderrey e, unha vez se finalicen, promoveremos unha campaña divulgativa para que a historia que os alumnos poidan coñecer tamén a historia, personaxes, contorna e elementos patrimoniais e senlleiros que os caracterizan ou lles dan nome”, apuntou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández.