O Concello xa está en disposición de licitar o vial de acceso ao Gran Montecelo

95
  • A Xunta vén de notificar que non é preciso o proxecto de avaliación ambiental, polo que os prazos administrativos se acurtan en preto dun ano
  • En canto a Administración autonómica remate o proceso de expropiación dos terreos necesarios, o Concello sacará a licitación esta obra que conta cun orzamento de 1.369.951,30 €

“En canto a Xunta de Galicia remate coas expropiacións, o Concello xa poderá licitar este vial”, asegurou esta mañá o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña. Facía este anuncio tras a notificación por parte da Administración autonómica na que indica que esta actuación non precisa proxecto de avaliación ambiental. “É unha grandísima nova porque adiantamos ao redor de entre 8 meses e 1 ano as previsións para poder executar este vial” afirmou Alberto Oubiña ao respecto.

Trátase do vial de acceso ao Gran Montecelo, duns 830 metros, e cun orzamento de 1.369.951,30 euros. Sobre esta obra, que figura entre os compromisos asumidos polo Concello no convenio coa Xunta, Oubiña asegurou que xa está rematado o proxecto de execución e en disposición de ser licitado, á espera tan só de que remate o proceso de expropiación dos terreos colindantes que está realizando a Xunta de Galicia.

Coa mirada posta xa na próxima licitación deste vial, Alberto Oubiña asegurou que “o Concello continúa avanzando nos seus compromisos”, posto que xa ten realizadas as obras de mellora de abastecemento de auga ata o hospital e realizadas as achegas económicas recollidas no convenio coa Xunta. Engadiu que deste xeito “seguimos cumprindo amplamente coa veciñanza e coa Xunta para poder avanzar nestas obras tan necesarias”