A VIII edición de Pontenciencia presentará 47 investigacións científicas desenvolvidas por alumnos de 17 centros educativos e por 8 familias

20
  • Os traballos daranse a coñecer entre os días 31 de maio e 4 de xuño nos colexios, institutos e centros de FP participantes, así como na Escola Universitaria de Enxeñería Forestal
  • Tino Fernández avanza que as investigacións serán valoradas por 17 xurados compostos por profesores universitarios e membros da Misión Biolóxica e o Instituto de Oceanografía

Un total de 17 centros educativos e 8 familias presentarán entre os días 31 de maio e 5 de xuño 47 investigacións científicas no marco da VIII edición do programa Pontenciencia, un proxecto promovido pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra e a Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) co obxectivo de contribuír a desenvolver un pensamento crítico e crear mentes investigadoras. Os protagonistas serán os alumnos de Primaria e Secundaria dos CEIP San Benito de Lérez, Ponte Sampaio, Marcos da Portela, San Martiño (Salcedo), Marcón, Santo André de Xeve e A Xunqueira II; os CPR Sagrado Corazón de Os Praceres e Sagrado Corazón de Jesús; a Escola de Capataces Forestais de Lourizán; os IES Valle Inclán, Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane de Monte Porreiro, Montecelo, A Xunqueira e A Xunqueira I, e mailo Centro Integral de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira.

O evento foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto que contou coa presenza de Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Educación; Vanesa Estévez, do Servizo Municipal de Educación; Saleta González e Rodrigo Dapena, coordinadores do proxecto; e os representantes dalgunha das empresas patrocinadoras dos Premios de Investigación Homenaxe á Muller Investigadora: Manuel Fernández Rascado, director xerente de Setga; Carlos Groba, director do departamento de Software+TIC de Marine Instruments; Casimiro González Fernández, xerente territorial Centro Sur de Viaqua, e Iago González, responsable de Cristalería Pontevedresa. 

Tal e como sinalou o tenente de alcalde, “cremos que, na actual situación de pandemia, faise máis esencial que nunca, fronte ao gran volume de bulos e fake news que nos invaden, divulgar o valor da investigación e das súas fontes de referencia”. Na súa opinión, “a investigación debería ocupar un lugar esencial dentro das prioridades”, e é por iso que o Concello de Pontevedra leva varios anos potenciando “a investigación e o espírito crítico entre o alumnado da cidade cun proxecto que naceu co obxectivo de trasladarlles a eles e ás súas familias a importancia de investigar, crear, concibir cousas novas e procurar ter unha mente aberta cara os avances científicos, que son os que fan que a sociedade avance, como estamos a comprobar nas nosas carnes ultimamente”. 

“O programa Pontenciencia, que naceu con humildade hai uns oito anos, xerminou con potencia ata converterse nun dos buques insignia da Concellería de Educación e mesmo diría que do Concello, sendo un referente fóra do noso municipio, como mostra de como se poden facer cousas interesantes e divertidas para os alumnos e alumnas desde o mundo da ciencia. Ao proxecto fóronse sumando empresas da cidade, ás que lles quero agradecer especialmente a súa implicación”, subliñou Tino Fernández.

A composición dos xurados

Segundo explicou Saleta González, “por mor da pandemia, este ano presentarán as súas investigacións nas categorías de Ciencia no Cole e Xoves Investigadores os alumnos/as de Primaria e Secundaria en cada un dos centros educativos participantes, entre o luns 31 de maio e o venres 4 de xuño”, mentres que “o sábado 5 de xuño exporanse as das familias na Escola Universitaria de Forestais”. “Para avalialas, formaranse 17 xurados que se desprazarán ata cada centro, que escoitarán as presentacións orais e que estarán compostos por profesores da Escola Universitaria de Forestais, o Centro Universitario da Defensa, a Facultade de Belas Artes, a Escola Universitaria de Enfermería, a Facultade de Fisioterapia, a Misión Biolóxica de Galicia, a Facultade de Ciencias do Deporte, a Facultade de Ciencias da Educación, o Instituto Español de Oceanografía e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela”, precisou González.

A coordinadora de Pontenciencia 2021 indicou que esta edición conta coa participación de case 700 alumnos do centros públicos e concertados de Pontevedra: os colexios de Primaria presentaron 17 investigacións, os IES e centros de FP 22 e as familias 8 (para un total de 47). 

Saleta González avanzou que “entre as temáticas abordadas inclúense as matemáticas; os microorganismos e a microbioloxía, que ‘pegaron’ bastante pola situación que estamos a vivir (hai catro ou cinco investigacións sobre microorganismos que están no aire); a programación; o corpo humano; os alimentos; os xogos; os robots; os lixos mariños nas praias; accidentes; mitoloxía… Un pouco de todo”.

Haberá cinco premios de 300 euros para as mellores investigacións de temática libre seguindo os pasos do método científico ou proxectos tecnolóxicos tipo prototipo, maker ou invento. Ademais de Concello, Deputación e Fecyt, tamén colaboran con este certame científico a Universidade de Vigo, Cristalería Pontevedresa, Viaqua, Setga, Hifas da Terra e Marine Instruments.

O director de Software+TIC desta última firma, Carlos Groba, dixo que en Marine Instruments “estamos absolutamente encantados de poder axudar nesta iniciativa, xa que fomentar a curiosidade e o espírito crítico desde as idades máis temperás é moi importante tanto para a sociedade como das empresas como a nosa, que temos un carácter moi innovador e buscamos acadar produtos que nos diferencien no mercado”. 

Para o xerente de Setga, Manuel Fernández Rascado, Pontenciencia é fundamental “para estimular que o alumnado teña unha visión crítica e ilusión en formarse nas novas tecnoloxías”, mentres que Casimiro González, de Viaqua, lembrou que “as empresas, sen investigación, morren, e como nos aconteceu, as persoas tamén morren sen investigación”. “Viaqua -destacou- creou hai dez anos o centro de investigacións Cetaqua, con sucursais en Santiago e en toda España, e estes centros o que precisan son investigadores. Estamos encantados de poder participar nesta iniciativa do Concello para poder xerar espírito crítico e novos investigadores para que poidamos seguir avanzando”.

Neste mesmo sentido, Iago González agradeceu que se conte con Cristalería Pontevedresa para participar no proxecto e aseverou que para a súa compañía “é realmente moi importante inspirar a cultura innovadora e que esta prenda na sociedade, xa que é a base do talento”.