Os moteir@s máis elegantes exhiben as súas motos clásicas pola cidade para apoiar a loita contra o cancro de próstata e a depresión

71
  • Uns 80 moteir@s e pasaxeiros participan na primeira edición pontevedresa da The Distinguished Gentleman’s Ride, un evento benéfico mundial en apoio ás investigacións realizadas pola Fundación Movember
  • A iniciativa solidaria, nada no ano 2012 en Sydney (Australia), estase a desenvolver de maneira simultánea en 110 países e máis de 1.000 cidades de todo o mundo, 29 delas españolas

Unhas 50 motos (80 condutores e pasaxeiros) participan hoxe na primeira edición pontevedresa da The Distinguished Gentleman’s Ride, un evento benéfico de carácter internacional reservado a motos clásicas, de ‘espírito’ clásico ou clásicas modernas, cuxos condutores/as e pasaxeir@s van ataviad@s con prendas elegantes (traxes inspirados nos clásicos ‘gentlemen’ tipicamente anglosaxóns). A iniciativa solidaria, que conta coa colaboración da Concellería de Deportes e que encheu de soleira e elegancia esta mañá a Praza de España e diversas rúas do corazón da cidade, estase a celebrar de xeito simultáneo nun milleiro de cidades de todo mundo, coa finalidade de recadar fondos para as investigacións desenvolvidas pola Fundación Movember contra o cancro de próstata, a depresión e o suicidio.

A particular mostra de distinción británica e motos clásicas entusiasmou ao tenente de alcalde, Tino Fernández, que como outros afeccionados, aproveitou a ocasión para achegarse ata a Praza de España, desfrutar deste “espectáculo único” e mesmo probar algunha das motos. Tal e como lle explicou Xavier Vandeneycken, un dos promotores do evento na nosa cidade, “a iniciativa naceu no ano 2012 en Sydney (Australia), pero grazas ás redes sociais comezou a ter máis visibilidade no mundo e, pouco a pouco, foise estendendo a varios países”. 

“Agora mesmo -sinalou- están a participar 110 países e máis de 1.000 cidades en todo o mundo. Cada moteir@ pode facer unha doazón ou pode facerse patrocinar para facer doazóns á Fundación Movember, que desenvolve programas de investigación contra o cancro de próstata e para frear o fenómeno do suicidio e a depresión”.

O concelleiro socialista Tino Fernández considera que “é unha grande noticia que os organizadores australianos engadisen este ano a Pontevedra na lista de 29 cidades españolas que participan neste evento, que se celebra o mesmo día en todo o mundo e que nestes 12 anos recadou máis de 30 millóns de dólares”. “Este tipo de concentracións moteiras -subliñou o tenente de alcalde- teñen moitísimos seguidores e seguidoras, polo que, se as conseguimos afianzar, pódense converter nun verdadeiro atractivo turístico para a nosa cidade. Asemade, no caso desta Gentleman’s Ride estamos a colaborar directamente na loita contra patoloxías que afectan a moitísimas persoas”.

O evento contou nesta primeira edición co patrocinio do box Crossfit Pontevedra e a tenda e taller de motos Monster Bike e coa colaboración da axencia IdeaWeb, todas elas empresas locais.