Concello e ASSEII visibilizan a importancia da vacinación en persoas con doenza crónica co gallo do Día das Enfermidades Inflamatorias Intestinais

215
  • Un vídeo de 5 minutos, protagonizado polo equipo da Unidade de EII do CHOP e por representantes de diversas institucións e asociacións, busca concienciar sobre a seguridade da vacina
  • Na iniciativa, impulsada en colaboración do Concello de Pontevedra, colaboran, entre outros, o chef Pepe Solla, a olímpica Teresa Portela, e o vicerreitor do Campus Universitario, Jorge Soto

Un vídeo duns 5 minutos no que se subliña a importancia que ten a vacinación en persoas con doenza crónica centra este ano a campaña promovida pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) en colaboración co Concello de Pontevedra co gallo do 19 de maio, Día Mundial das Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII). A peza audiovisual conta coa participación de Daniel Carpio, responsable da Unidade de EII do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), e dos membros do seu equipo; de voceiros políticos como o tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, e os rexedores de Marín e Poio, María Ramallo e Luciano Sobral; de representantes de colectivos, entidades e institucións públicas e privadas, e de referentes de diversos sectores culturais, sociais e laborais, entre os que figuran o vicerreitor do Campus Universitario, Jorge Soto, o chef Pepe Solla ou a olímpica Teresa Portela.

No vídeo, que foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto que contou coa presenza do propio Tino Fernández; do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; da presidenta de ASSEII, Ángela Paz, e dos membros da Asociación Víctor Loira (deportista enfermo de Crohn) e Rosa María García, tamén aparecen Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo; a presidenta da Asociación de Persoas con Diversidade Sensorial Xoga, María Jesús Monterde; Lucía Gálvez, da Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo); César Maquieira, da Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem) e membros do Club Waterpolo Pontevedra, a Asociación de Atención á Parálise Cerebral Amencer-Aspace e o colectivo Paspallás, entre outros. Tal e como asegurou Ángela Paz, “no Día Mundial das Enfermidades Inflamatorias Intestinais, creado en 2010 por organizacións de pacientes que representan a máis de 50 países dos cinco continentes e coordinado pola Federación Europea de Asociacións de Crohn e Colite Ulcerosa (EFCCA), ASSEII quere concienciar á sociedade sobre as EII e, a través deste vídeo, subliñar a importancia que ten a vacinación en persoas crónicas”.

“Dada a situación actual provocada pola pandemia do coronavirus, é necesario recalcar -sinalou Paz- que a vacina é segura en pacientes con EII e que tanto as autoridades sanitarias nacionais e internacionais como os expertos aconsellan firmemente a vacinación. O equipo da Unidade de EII do CHUP ofrécenos neste vídeo, realizado pola empresa Voando Drone, de Pablo Lubiáns, unha información segura e fiable sobre a inmunización en persoas con patoloxías crónicas”.

“O medo é a pandemia, non a vacinación. A vacina é a solución”

Tino Fernández apuntou que “a vacinación é un elemento fundamental para poder saír desta situación pandémica, e mesmo de solidariedade, porque non só é bo para quen se vacina, senón tamén para todos os que o rodean”. Unha necesidade que, segundo indicou, “é aínda maior para aqueles que somos enfermos crónicos”, polo que “en medio desa nebulosa de bulos e de informes contraditorios que rondan por todas partes, é bo que asociacións do prestixio de ASSEII axuden e colaboren con este tipo de iniciativas e vídeos nos que saímos algunhas persoas transmitindo a necesidade de vacinarse”. 

“As concellerías de Actividade Física e Saúde e de Benestar Social tamén queremos poñer o noso gran de area na comunicación da importancia que ten hoxe en día vacinarse. España vai ben, con máis de sete millóns de persoas coa pauta completa, chegando ao grupo de máis de 40 anos a partir de xuño, pero precisamos convencer aos cidadáns reticentes de que o medo é a pandemia, non a vacinación. A vacina é a solución, ou cando menos parte da solución”, sinalou o tenente de alcalde.

Ángela Paz precisou que as persoas con EII “estivemos vetadas durante o estado de alarma, porque non dispuxemos de establecementos para poder ir ao aseo, e nesta pandemia houbo mesmo xente que adoptou a decisión de non saír de casa”, polo que o vídeo “supón tamén unha homenaxe e recoñecemento para tódolos colectivos e entidades de Pontevedra que nos axudaron”. Pola súa banda, Víctor Loira quixo agradecer a implicación de toda a xente que participa no vídeo, “que é unha iniciativa moi bonita que vai animar á xente a que se vacine, que é o importante, xa que nos permitirá coidarnos a nós mesmos e ao noso contorno”.

Nesta mesma liña, o concelleiro de Benestar Social recalcou que “se a algo hai que terlle medo non é á vacina, senón a este Covid que mudou a nosa forma de vivir e de desfrutar”. “Non hai máis que verlles as caras a aqueles que xa están vacinados e aos que non o están. Os primeiros volven a desfrutar como antes e regresan á normalidade. A vacina é a única forma de acabar con esta pandemia”, asegurou o socialista.

Máis de 40 países conmemoran mañá, mércores 19 de maio, o Día Mundial das EII, que engloba á enfermidade de Crohn e á colite ulcerosa, que provoca a inflamación crónica do aparato dixestivo e que se caracteriza por dor abdominal e diarreas frecuentes que obrigan a utilizar constantemente o aseo. Estímase que en España hai preto de 150.000 persoas afectadas por EII, das cales o 25% son nenos e adolescentes (unha de cada 450 persoas padece estes problemas, segundo a Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva, pero prevese que a súa incidencia aumente nos vindeiros anos).

“A pesar de non ser unha enfermidade minoritaria, os enfermos de EII enfróntanse de xeito habitual ao descoñecemento das súas patoloxías por parte da Administración -afirmou Ángela Paz- e á ‘invisibilidade’ destas doenzas ante a sociedade. Non obstante, os últimos datos presentados pola Organización e a Federación europeas de Crohn e Colite constatan que a incidencia desta enfermidade incrementouse no noso país nun 200% en menores de 18 anos”.