A canteira do Cisne encoméndase á afección para derrotar esta fin de semana a algúns dos ‘cocos’ do Campionato de España Xuvenil de Balonmán

58
  • A fase zonal que se celebrará desde a tarde do venres no Pavillón Municipal dos Deportes enfrontará ao equipo pontevedrés ante o Finetwork Gijón, o Bidasoa Irún e o Abanca Ademar
  • O aforo máximo permitido é de 500 localidades, das que o club reservará 70 para cada un dos equipos visitantes. Aplicarase un estrito protocolo anti Covid, evitando que as afeccións se crucen

“Quero facer un chamamento a tódolos afeccionados ao balonmán, e tamén aos que non o sexan, para que reserven cadeira e asistan ao Pavillón dos Deportes esta fin de semana para animar ao Cisne, xa que toda a axuda que se poida ofrecer desde as bancadas será ben recibida por un equipo que se vai xogar nin máis nin menos que o pase á final do Campionato de España Xuvenil Masculino”. Deste xeito se encomendou á enerxía dos seareiros pontevedreses o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para que a canteira do Club Cisne poida derrotar aos ‘cocos’ que lle tocaron en sorte nesta fase zonal do Campionato nacional, que Pontevedra acollerá entre o venres 14 e o domingo 16 de maio: o Finetwork Gijón, o Bidasoa Irún e o Abanca Ademar.

O edil socialista participou esta mañá xunto con Santiago Picallo, presidente do Cisne, e Fernando Mosquera, responsable da Federación Galega de Balonmán, nun acto desenvolvido na Sala de Prensa do Teatro Principal para presentar este evento deportivo. Trátase dunha das oito fases zonais do Campionato de España Xuvenil Masculino, cuxa organización lle foi concedida a Pontevedra pola Real Federación de Balonmán, xogándose os encontros do venres ás 18:00 e ás 20:00 horas, os do sábado ás 10:30 e ás 12:30 horas e os do domingo ás 10:00 e ás 12:00 horas (xornada de clausura na que haberá ademais unha entrega de trofeos que incluirá as categorías de mellor xogador, máximo anotador e mellor porteiro).

Tino Fernández amosou a súa satisfacción polo feito de que “pouco a pouco vaiamos recuperando a normalidade deportiva, o que supón traer a Pontevedra un evento como este, de altísimo nivel, vencellado ademais ao deporte base”. Tal e como subliñou, “todos agardamos que culmine coa presenza do Cisne na fase final do Campionato de España”, xa que “aínda que o grupo non é fácil, temos un equipo fantástico que vai obter un excelente resultado”. 

“Quero agradecerlles á Federación Galega e, sobre todo ao Cisne, o traballo que se está facer nas categorías base do balonmán, porque hai que recoñecerlle ese labor que non só se reflicte nun equipo na Asobal, senón tamén en toda unha estrutura deportiva que vai dando resultados tódolos anos e que teñamos unha canteira de moitos quilates e nivel. Ademais, hai que agradecerlle o seu esforzo organizativo á hora de meterse nestes ‘fregados’. Agardamos que a cousa salga ben, porque equipo, dende logo, hai”, asegurou o concelleiro de Deportes.

Nesta mesma liña, Fernando Mosquera agradeceu a colaboración do Concello de Pontevedra na organización do evento e destacou ao Club Cisne como “un dos equipos con maior progreso dentro do balonmán nacional”. “Agardo que teñan moita sorte, que a loiten ata o final, xa que teñen un moi bo equipo”, afirmou.

Reserva de localidades a través da plataforma Cluber

O presidente do Cisne explicou que, se ben “non é doado organizar este tipo de eventos e hai que pedirlles paciencia aos afeccionados”, a experiencia adquirida hai uns 15 días coa celebración da fase final autonómica a catro “fai que todo vaia máis rodado, esteamos máis acostumados aos protocolos anti Covid e as cousas saian un pouquiño mellor”. Segundo indicou, os que queiran asistir aos partidos poderán reservar praza a través da plataforma Cluber, estando permitido un aforo máximo de 500 localidades, das que o Cisne reservará 70 para cada un dos tres equipos visitantes. “As bancadas inferiores serán para os nosos afeccionados, mentres que as bancadas superiores dividiranse en catro sectores: tres deles para os seareiros visitantes e outro para que poidan sentar os locais no caso de que non haxa espazo abaixo. As cadeiras estarán preasignadas e sinaladas e evitaremos que as afeccións se crucen”, precisou Santiago Picallo.

O máximo responsable do Cisne admitiu que “o sector que lle tocou ao equipo pontevedrés é complicado”, xa que non se cumpriu “o que estaba previsto hai uns anos, é dicir, que non se cruzaran xeracións que tivesen participado na final de Cadetes”. Así, como constatou, “o Ademar de León é un gran club, que quedou terceiro no Campionato de España celebrado en Pontevedra e no que nós acabamos na sétima praza; o Bidasoa de Irún é un equipo de grande soleira, do que con só citar o nome un xa é consciente do que significa no mundo do balonmán e que conta con xogadores de canteira de moitísimo nivel, e o Xixón é un club que sempre destaca moito nestas categorías, con Asturias como berce de moitos e moi bos xogadores do balonmán nacional”.

Un total de 64 equipos (32 masculinos e 32 femininos) concorrerán na fase de sector do Campionato de España de Clubes de categoría Xuvenil, en camiño da fase final. As sedes e reparto de equipos feitos públicos polo Departamento de Competicións da Real Federación Española de Balonmán para a fin de semana do 14 ao 16 de maio son os seguintes: 

XUVENIL MASCULINO

  • Sector A – Pontevedra | Cisne Col. Los Sauces, Finetwork Gijón, Bidasoa Irún, ABANCA Ademar 
  • Sector B – Pamplona | Anaitasuna ‘A’, Laber Xiria, KH-7 Granollers Sporting, Balonmano Leganés 
  • Sector C – Zaragoza | Ademar Zaragoza, Usurbil KE, Ingfraile Recoletas Valladolid, Barça 
  • Sector D – Granollers | KH-7 Graollers, HV Eivissa, Balonmano Rocasa, Luceros 
  • Sector E – Villanueva de la Cañada | iKasa Madrid Las Rozas, RGC Covadonga, Avannubo La Roca, Balonmano Mislata 
  • Sector F – Ciudad Real | Alarcos Ciudad Real, Córdoba Balonmano, Levante UD Marni, Balonmano Alcobendas 
  • Sector G – Alicante | Agustinos Alicante, Balonmano Águilas, Bahía de Almería Carboneras, Gran Camping Zarautz 
  • Sector H – Antequera | Iberoquinoa Antequera, Incarlopsa Cuenca, Balonmano Pacense, Balonmano Elda CEE

XUVENIL FEMININO:

  • Sector A – Porriño | Balonmano Porriño, Oviedo Femenino, Aiala ZKE, Moya Tilover
  • Sector B – Salamanca | Confiterías Gil C. Salamanca, Errotabarri Euskadi, Balonmano Gijón, Lagunak 
  • Sector C – Etxebarri | Sareteknika Kukullaga Etxebarri, Maravillas Benalmádena, Beti-Onak, Calfrima Carballal 
  • Sector D – La Roca del Vallés | Avannubo La Roca, Puig d’en Valls, Handbol Onda, Schär Colores
  • Sector E – Pozuelo de Calatrava | Soliss Pozuelo de Calatrava, San Servan, Córdoba Balonmano, Hand Vall Valladolid 
  • Sector F – Torrevieja | Mare Nostrum Torrevieja, Abaranera Deportes, Handbol Ascó, Balonmano Leganés
  • Sector G – Montequinto, Dos Hermanas | Montequinto C. Dos Hermanas, Balonmano Herencia, KH-7 Granollers, Balonmano Elche 
  • Sector H – Telde | Balonmano Rocasa, Lavadores Vigo, Balonmano Sanse, Sant Vicenç