Desenvolvemento Sostible investiga as agresións contra varios plátanos da avenida de Bos Aires

363
  • Iván Puentes sospeita da clara intencionalidade do ataque, xa que “os exemplares afectados foron secados mediante a inxección dun produto tóxico no tronco e a ferida tapada cunha ramiña”
  • O concelleiro lembra que “as árbores forman parte do noso patrimonio e ningún cidadán pode matalas sen que haxa consecuencias”. “Substituiranse por novos exemplares”, avanza

O Servizo Municipal de Medio Ambiente está a detectar claros indicios de agresión contra varios plátanos situados na avenida de Bos Aires, nas inmediacións dun grupo de vivendas próximas á pasarela peonil sobre o Lérez. Segundo indica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “dúas destas árbores atópanse xa practicamente secas e os nosos técnicos están estudando o estado de saúde doutros exemplares por se houbese outras afectadas”. Non obstante, para o edil socialista “parece claro que se trata dun ataque intencionado, posto que os plátanos foron secados mediante a inxección dun produto tóxico e a ferida producida tapouse cunha ramiña para que pasara inadvertida, simulando así a morte natural do exemplar”.

Puentes asegura que o seu departamento trasladará estes indicios á Policía Local para que investigue “o que supón unha agresión contra o patrimonio vexetal municipal” e se localice “ao responsable ou responsables”. “As árbores forman parte do noso patrimonio -subliña- e ningún cidadán pode actuar de xeito incívico contra elas e tomarse a liberdade de agredilas e matalas en pleno espazo público sen afrontar as correspondentes consecuencias e sancións”.

En todo caso, Iván Puentes avanza a súa intención “de substituír por outros exemplares de gran porte os plátanos secos a causa da inxección de produtos tóxicos”.