A liña de axudas do Plan Supera 21 para adquirir ordenadores achégase ás 1.000 solicitudes

146
  • Nunha visita ás oficinas de tramitación das subvencións, Tino Fernández agradece “o esforzo dos traballadores do Concello para xestionar unhas axudas esencias para moitas familias”
  • O tenente de alcalde lembra que estas subvencións “están destinadas a acabar coa fenda tecnolóxica”, polo que a achega inicial de 400.000 euros “podería ampliarse no caso de que sexa preciso”

A falta dalgo máis dunha semana para o peche do prazo de presentación de peticións, os traballadores da oficina especial do Plan Supera 21 recibiron xa case 1.000 solicitudes para acceder á liña de subvencións para a adquisición de equipos informáticos. Unha masiva resposta que, en opinión do tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “pon de manifesto a esencial importancia dunhas axudas que teñen o obxectivo de garantir que non haxa ningún neno sen ordenador na aula e acabar coa fenda tecnolóxica, nun momento no que isto resulta máis crucial que nunca para asegurar a igualdade de oportunidades no acceso á educación”.

Así o manifestou tras unha visita ás oficinas situadas na rúa Dona Tareixa, na que agradeceu aos traballadores do Concello de Pontevedra “o esforzo extra que están a realizar para tramitar esta avalancha de solicitudes de subvención”. “Segundo me transmitiron os funcionarios, a acollida desta liña de axudas é tal que mesmo pais de nenos empadroadas noutros concellos chegaron a consultar sobre a posibilidade de acceder ás mesmas, algo que non é posible xa que están destinadas exclusivamente ao alumnado empadroado no concello de Pontevedra e matriculado no curso 2020-2021 en estudos de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, Formación Profesional de Grao Medio ou Educación Especial nos centro públicos ou concertados”, subliñou Fernández.

Tal e como apuntou o edil do PSOE, o Goberno Local destinou unha achega inicial de 400.000 euros á cobertura desta liña do Plan Super 21, o que se traducirá en axudas dun máximo de 400 euros por cada menor de idade e de 2.000 euros por unidade familiar, “pero dado o seu papel clave neste contexto, poderíase ampliar esta cantidade no caso de que sexa necesario”. Para converterse en beneficiarias, a renda das familias cun fillo ou filla non deberá superar os 39.900 euros anuais; a das que teñen dous debe ser inferior aos 43.225 euros; a das de tres de menos de 47.215 euros e a das de catro ou máis fillos non superar os 49.875 euros. Á hora de conceder as subvencións terán prioridade aquelas familias cunha menor renda e con maior puntuación en base ás circunstancias que recolle a convocatoria.

De cara a sintetizar toda a información necesaria para a súa tramitación, a Concellería de Educación levou a cabo un reparto de 15.000 flyers en tódolos centros educativos de Pontevedra sostidos con fondos públicos, de xeito que cada alumna e alumno de Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e Educación Especial dispuxo de alomenos un folleto para entregarlles ás súas familias. Segundo se fai constar nestes flyers e nas bases das axudas, os equipos informáticos obxecto de subvención serán os adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021, tramitándose as solicitudes en réxime de concorrencia competitiva e realizándose a concesión das mesmas mediante a comparación das peticións presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas. As dúbidas que xurdan poderán resolverse chamando aos teléfonos 681 264 835 e 986 804 300 (extensións 7191 ou 7192).

Os traballadores da oficina do Supera 21 informaron a Tino Fernández de que horarios para as quendas de atención presencial están practicamente completos e que moitos cidadáns chegaron a presentar a súa solicitude co flyer distribuído pola Concellería de Educación.