O Ganapán muda o sistema de inscrición para dar prioridade aos nenos que non tiveran participado en obradoiros nas últimas semanas

12
  • O espazo infantil do Mercado ofrecerá aos rapaces a oportunidade de elaborar samosas indias de noces e plátano, bailarinas colgantes, pelotas sensoriais e pancakes de froitos vermellos
  • As reservas de praza dos talleres poderán facerse a través da dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com, pechándose as inscricións os días previos ás 16:00 horas

O programa de lecer O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Mercado de Abastos de Pontevedra, mudará as pautas de inscrición co obxectivo de dar prioridade aos nenos e nenas que non tiveran participado en ningún obradoiro nas últimas dúas semanas. Unha vez que se cubran estes postos preferentes, o resto das prazas encheranse por estrita orde de chegada da solicitude de inscrición e en función da última vez que tiveran participado nos talleres.

Asemade, aquelas persoas que se inscribiran e que, sen avisar previamente, non acudiran ao obradoiro que tiñan reservado, deberán agardar un mes para poder realizar unha nova inscrición. Tal e como subliñou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “todas e cada unha das crianzas de Pontevedra fan parte de O Ganapán e, dadas as restricións de aforo ás que nos obriga a Covid-19, con estes cambios no sistema de inscrición queremos garantir que existe unha axeitada rotación e que tod@s participan”.

As reservas de praza poderán realizarse, coma sempre, a través da dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com, pechándose as dos talleres dos sábados os venres ás 16:00 horas e as dos domingos os sábados ás 16:00 horas. Os nenos e nenas solicitantes que finalmente entren no obradoiro terán a notificación por email como máximo o día anterior ao taller.

A oferta de O Ganapán para este sábado 1 de maio incluirá unha nova viaxe co padal pola gastronomía do mundo no Espazo Gastro, coa elaboración dunhas deliciosas samosas (unha sorte de empanadas doces) de plátano, chocolate e noces, e a creación de pelotas sensoriais no Espazo Crea. Os obradoiros, dirixidos a rapaces de 4 a 10 anos, desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.

Para a xornada do domingo 2 de maio están previstos uns talleres especialmente pensados para celebrar o Día da Nai, coa preparación dun delicioso e saudable almorzo para mamá: uns saborosos pancakes de froitos vermellos. Os pequenos tamén poderán confeccionar un agasallo tan orixinal como unhas bailarinas colgantes. Os horarios das sesións serán os mesmos que os do sábado.

Yoya Blanco lembra que os participantes deberán traer a súa friameira para levar a casa o que cociñen.