O éxito de inscricións nas Rutas Saudables leva a AECC e Concellería de Deportes a incrementar a oferta do programa coa creación dun novo grupo

73
  • A iniciativa púxose en marcha con tres grupos con saídas os luns ás 11:00 horas, os mércores ás 17:00 horas e os xoves ás 11:00 horas e tívose que ampliar cun novo grupo os xoves pola tarde
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, considera que “a elevada demanda, con 20 participantes de entre 33 e 78 anos, a maioría mulleres, subliña a necesidade deste tipo de actividades”

A Asociación Española contra o Cancro (AECC) e a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde puxeron en marcha o pasado 12 de abril o programa Rutas Saudables con tres grupos con saídas os luns ás 11:00 horas, os mércores ás 17:00 horas e os xoves ás 11:00 horas. O éxito de inscricións na iniciativa, nada co obxectivo de combater o sedentarismo en tódalas franxas de idade a través de camiñadas semanais ao aire libre polo contorno da Xunqueira de Alba, levou a incrementar esta oferta inicial cun novo grupo, con saídas programadas os xoves pola tarde.

Asemade, segundo explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o pasado mércores comezaron a colaborar nas Rutas os alumnos e alumnas do Ciclo Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán, que continuarán a botar unha man durante as tres vindeiras semanas, cada semana cun alumno ou alumna distintos”. O edil do PSOE lembra que, por mor da situación sanitaria, “os grupos están conformados por un máximo de 5 persoas, máis un voluntario ou voluntaria que fai de guía no itinerario”. “Agora mesmo temos un total de 20 participantes nos catro grupos, cinco en cada un deles, a meirande parte deles mulleres, con rangos de idade que van dos 33 aos 78 anos, o que pon de manifesto a necesidade de que se implementen este tipo de actividades”, asegura Fernández.

Non obstante, AECC e Concellería de Deportes teñen previsto que, unha vez que os datos epidemiolóxicos melloren e se relaxen as restricións, se poidan ampliar as prazas ofertas para facer máis grupos de rutas, xa que cada vez máis xente segue a amosar o seu interese. A finalidade das Rutas, froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación, é fomentar a vida saudable e o exercicio físico e axudar a reducir o risco de padecer enfermidades como o cancro con sinxelos percorridos a pé con saída desde as Ruínas de Santo Domingo.

Cada semana os grupos percorrerán unha distancia aproximada duns cinco quilómetros, camiñando polas marismas de Alba durante unha hora e medio baixo a guía dun voluntario. A iniciativa ten carácter gratuíto, con prazas limitadas, e está aberta a todas aquelas persoas que queiran iniciarse nunha actividade beneficiosa para a súa saúde. @s interesad@s deberán inscribirse a través do teléfono da AECC (986 86 52 20) ou da dirección de correo electrónico pontevedra@aecc.es.

Esta proposta inicial de itinerarios desenvolverase durante 20 semanas, co obxectivo de fomentar a actividade física periódica, contando con colaboracións como a do alumnado do CFEA de Lourizán, charlas temáticas e variacións de percorrido en base aos itinerarios recollidos no proxecto do MetroSan. As camiñadas contan cun pasaporte de rutas que se irá selando, de xeito que os participantes que dean rematado 16 das 20 saídas (un 80%) terán unha recompensa, incentivando así a aquelas persoas máis sedentarias.

Tino Fernández lembra que a Organización Mundial da Saúde recomenda que as persoas adultas dediquen cando menos 50 minutos semanais a realizar exercicio físico moderado e que este tipo de actividades axudan a mellorar a flexibilidade e a forma física e, ao realizarse en grupo, tamén incrementan a motivación.