Tino Fernández visita o IES Sánchez Cantón para supervisar a distribución de flyers informativos sobre as axudas do Supera 21 para adquirir equipos informáticos

    9

    A Concellería de Educación segue adiante coa campaña informativa posta en marcha coincidindo coa publicación das bases e a apertura do prazo de presentación de solicitudes para acceder á liña de subvencións do Plan Supera 21 para a adquisición de equipos informáticos (ordenadores portátiles e de sobremesa). No marco desta iniciativa, o departamento que dirixe o tenente de alcalde, Tino Fernández, está a distribuír unha remesa de 15.000 flyers en tódolos centros educativos sostidos con fondos públicos de Pontevedra, co obxectivo de entregar un folleto a cada alumna e alumno de Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e Educación Especial e que as familias dispoñan de xeito sintético e transparente de toda a información que precisan para a súa tramitación.

    O propio Fernández desprazouse esta mañá ata o IES Sánchez Cantón para supervisar a entrega duns 1.000 flyers neste instituto e explicar algunhas características desta liña de subvencións e os pasos a seguir para presentar as solicitudes. O edil do PSOE, que mantivo un encontro coa directora do centro, Rocío Vieites, e con outros membros do equipo directivo, lembrou que a finalidade destas axudas, para as que o Concello destinou unha achega inicial de 400.000 euros (coa posibilidade de ampliar esta partida), “non é outra que acabar coa fenda tecnolóxica, garantir que non haxa ningún rapaz sen computador na aula e, deste xeito, asegurar a igualdade de oportunidades nestes momentos tan delicados, nos que a tecnoloxía xoga un papel educativo esencial”.

    “As axudas serán dun máximo de 400 euros por cada menor de idade e de 2.000 euros por unidade familiar e están destinadas a todo o alumnado empadroado no concello de Pontevedra matriculado no curso 2020-2021 en estudos de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, Formación Profesional de Grao Medio ou Educación Especial nos centro públicos ou concertados. As solicitudes de subvención -aclarou o socialista- poden presentarse desde o pasado martes, a través da súa sede electrónica (https://sede.pontevedra.gal) ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello ou nas oficinas habilitadas especialmente polo Plan Supera 21 (rúa Dona Tareixa), dispoñéndose do prazo dun mes para facelo. Só será posible presentar unha solicitude por unidade de convivencia, aínda que esta poderá incluír varios fillos ou fillas”.

    Tal e como se fai constar nos flyers informativos que está a distribuír a Concellería de Educación, para converterse en beneficiarias, a renda das familias cun fillo ou filla non deberá superar os 39.900 euros anuais; a das que teñen dous debe ser inferior aos 43.225 euros; a das de tres de menos de 47.215 euros e a das de catro ou máis fillos non superar os 49.875 euros. Á hora de conceder as subvencións terán prioridade aquelas familias cunha menor renda e con maior puntuación en base ás circunstancias que recolle a convocatoria.

    Os equipos informáticos obxecto de subvención serán os adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021. As peticións serán tramitadas en réxime de concorrencia competitiva e a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas. As dúbidas que xurdan poderán resolverse chamando aos teléfonos 681 264 835 e 986 804 300 (extensións 7191 ou 7192).