Comezan as obras da primeira fase da urbanización da ONCE

46
  • Supón o inicio da urbanización no ámbito da parcela propiedade da ONCE situada entre a rúa Luís Braille e o Instituto ‘Torrente Ballester’  
  • Esta fase inclúe a urbanización do vial proxectado por diante da residencia que conecta coa rúa Santa Lucía na zona da Corva e parte do ‘vial E’

Esta semana vén de asinarse a acta de inicio de obra correspondente á urbanización no ámbito da parcela propiedade da ONCE situada entre a rúa Luis Braille e o Instituto ‘Torrente Ballester’, o que permitirá que dean comezo as obras da primeira fase do proxecto. Esta sinatura chega tras a adxudicación e contratación da actuación, licitación realizada por parte da ONCE, e a previsión é que as obras comecen antes de que remate o mes de abril. 

Convén lembrar que o Proxecto de Urbanización do polígono delimitado nos terreos da ONCE, situados entre as rúas de Luis Braille, rúa de Santa Lucía e camiño das Abilleiras, fora aprobado en Xunta de Goberno local a finais de decembro e que o inicio dos traballos comezará na contorna do novo centro de inserción laboral da Fundación para a Discapacidade e Emprego Xoán XXIII.

O denominado “Proyecto de urbanización do ámbito da parcela propiedade da ONCE, situada entre a R/Luis Braille e o Instituto Torrente Ballester” inclúe tres fases na execución das obras, ao tempo que contempla os cambios introducidos no proxecto como consecuencia do convenio subscrito entre a ONCE e Xoán XXIII. Segundo este convenio, ONCE compometeuse a sufragar as obras de urbanización no frente lateral dereito da parcela de Xoán XXIII, no ‘vial E’ previsto no proxecto, desde o seu inicio na confluencia coa rúa Pintor Urbano Lugrís, nunha lonxitude de 40 metros. As fases no proxecto aprobado quedan do seguinte xeito:

  • Primeira fase: inclúe a urbanización do vial proxectado por diante da residencia que conecta coa rúa de Santa Lucía na zona da Corva e parte do “vial E”. A execución permitirá conectar o barrio de Campolongo coa zona da Corva e coa avenida de Vigo.
  • Segunda fase: continuación do vial urbanizado na primeira fase ata a conexión co PERI aprobado, así como o viario máis longo e estreito situado na parte dereita, actual camiño de San Brais/Pintor Urbano Lugrís. 
  • Terceira fase: urbanización da parte interior situada entre os bloques do polígono (zonas verdes e vial peonil), unha pequena zona verde lindeira co vial da segunda fase, o vial situado diante do predio do CRE -rúa de Santa Lucía-, a zona da entrada ao CRE, que constituirá a rotonda prevista pola modificación puntual, así como o treito que prolonga a rúa de Santa Lucía e permite a súa conexión coa rúa do Pintor Urbano Lugrís