O bulicio dos máis pequenos xa pode regresar ao parque infantil de Ponte Muíños trala renovación do seu pavimento, valado e elementos deteriorados

67
  • Os traballos impulsados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e executados pola empresa Garocaprim SL permitiron optimizar as condicións de seguridade desta zona de xogos

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural continúa a avanzar con paso firme no seu obxectivo de que tódolos parques infantís de Pontevedra se manteñan en óptimas condicións de conservación e poidan obter unha certificación de seguridade emitida pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). O edil responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, desprazouse esta mañá ata o barrio de Ponte Muíños en compañía do xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para supervisar a reapertura da área de xogos situada na rúa dos Matos de Arango, nas proximidades no Complexo Deportivo Supera Rías do Sur, despois de que a empresa Garocaprim SL acometese un proxecto de rehabilitación integral.

Puentes, que tamén estivo acompañado por Isolino García e Pedro Silva, responsables da firma construtora, puido comprobar “o excelente resultado duns traballos que supuxeron a reposición de todo o pavimento desta área de lecer, a reparación do valado perimetral e a substitución e tratamento dos elementos deteriorados ou en mal estado de conservación”. O proxecto incluíu a restauración de travesas e táboas de madeira, a correcta fixación de postes ao chan, o lixado de todo o valado polas súas dúas caras e o correspondente tratamento de conservación da madeira mediante a aplicación de dúas mans de verniz lasur. 

Asemade, tal e como constatou o concelleiro do PSOE, “tamén se inspeccionaron os diversos xogos, substituíndo táboas deterioradas e lixando os mesmos, repoñendo aqueles parafusos e tapóns en mal estado e aplicándolles un lasurado e unha man de pintura especial a todas aquelas pezas pintadas”. 

As obras completáronse coa recolocación dun resorte que estaba solto, reforzando a súa zapata de formigón e mellorando a súa ancoraxe con spis de aceiro inox e taco químico, e reubicando un dos bancos da zona de lecer para permitir que reciba sombra da árbores que preside o parque infantil.

Seguindo os estritos criterios de seguridade establecidos pola Concellería de Desenvolvemento Sostible, esta reforma, como todas as que se están a acometer, foi o resultado dunha auditoría previa realizada pola firma especializada Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar a seguridade de tódalas zonas de xogo da cidade, verificar que respectan a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da ENAC cando cumpren esas directrices.