Desenvolvemento Sostible pon en marcha os traballos de restauración e mellora das condicións de seguridade do parque infantil de Barcelos

19

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha os traballos de restauración e mellora das condicións de seguridade do parque infantil de Barcelos. Por unha banda, a empresa Docamende SL reporá as zonas de céspede deterioradas, realizando un peiteado da zona de xogos con cepillo mecánico e achegando o cuarzo necesario, unhas obras que esta mesma firma tamén executará no parque das Palmeiras cun orzamento conxunto de 15.000 euros e que incluirán o lixado e pintado de fontes oxidadas, o lixado e lasurado de bancos e papeleiras e substitución de parafusos e tapóns en mal estado.

Asemade, a firma Lappset España acometerá a instalación de redes e vigas no barco e noutros xogos do parque de Barcelos cunha achega de 17.000 euros. Esta intervención contempla a retirada de pezas antigas e a reinstalación de novos elementos, así como o pintado de postes, vigas, paneis e varandas, e a reposición das cadeiras e sistemas de ancoraxe dos bambáns.

Segundo constata o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, estes traballos son o resultado dunha auditoría previa realizada pola firma especializada Solucións Técnicas de Ocio (STO) e enmárcanse dentro do proxecto impulsado polo socialista para que tódolos parques infantís de Pontevedra dispoñan dun certificado de seguridade emitido pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). “A seguridade dos máis pequenos é unha cuestión irrenunciable e impostergable -sinala o edil do PSOE- e queremos reducir á mínima expresión os posibles riscos para a súa integridade física”