O Mercado de Abastos contará cun avanzado sistema informático de control de aforo e conteo de persoas con visualización en tempo real

107
  • A Concellería de Promoción Económica destina unha partida de máis de 7.000 euros á dotación desta tecnoloxía, que será instalada nos accesos á Praza pola empresa Almas Industries
  • A socialista Yoya Blanco asegura que “esta ferramenta punteira achegará moita tranquilidade a traballadores e usuarios, axudando a previr aglomeracións e, polo tanto, contaxios”

O Mercado de Abastos de Pontevedra disporá en breve dun avanzado sistema informático de control de aforo e conteo de persoas con visualización en tempo real. A Concellería de Promoción Económica e Turismo destinou un orzamento de máis de 7.000 euros á contratación desta tecnoloxía, que será instalada nas principais portas de acceso á Praza municipal polo grupo especializado en seguridade corporativa Almas Industries.

O sistema contará cun PC dotado de software de xestión NVR (gravación de vídeo en rede), disco duro e monitores de aforo, proporcionando unha precisión do 95% e unha área de detección de ata dous metros. Segundo sinala a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “esta ferramenta punteira achegará moita tranquilidade a traballadores e usuarios do Mercado, ofrecendo visualización en tempo real sobre a afluencia, permitindo informar aos clientes sobre se deben acceder ou agardar,  axudando a previr aglomeracións e, polo tanto, freando a posible propagación do coronavirus”.

“No actual contexto de pandemia, a concentración de persoas nos locais e instalacións supón unha importante problemática, en especial naquelas que teñen grandes fluxos de público, como o Mercado de Abastos, que nestes momentos ten un aforo máximo de 150 usuarios por planta”, subliña Yoya Blanco.