Promoción Económica pecha o prazo de presentación de ofertas para os postos baleiros na planta baixa do Mercado con 14 solicitudes

45
  • O Concello de Pontevedra convocará o vindeiro mércores 14 de abril a mesa de apertura de plicas para a concesión dalgunha das 64 bancadas e casetas libres na Praza de Abastos
  • A concelleira socialista Yoya Blanco lembra que o prazo total da concesión é de 25 anos e que as condicións resultan moi vantaxosas, con canons de entre 3.872 e 13.552 euros

O Servizo de Promoción Económica do Concello de Pontevedra convocará o vindeiro mércores 14 de abril a mesa de apertura de plicas e ofertas para os 64 postos baleiros na planta baixa do Mercado de Abastos. O período administrativo de presentación de propostas para facerse coas concesións demaniais, que, como lembra a concelleira socialista Yoya Blanco, “teñen unhas condicións moi vantaxosas, con canons que oscilan entre os 3.872 e os 13.552 euros por un prazo de 25 anos”, pechouse con 14 solicitudes rexistradas.

O proceso de licitación en marcha permitiu sacar a concurso, mediante a fórmula de libre concorrencia por poxa, 55 bancadas das 114 existentes no Mercado de Abastos (hai 59 ocupadas, 15 delas de flores), 52 bancadas de peixe e 3 de froita, así como 6 casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa das 19 casetas exteriores que ten a planta baixa das instalacións da rúa Serra (das 49 casetas existentes, 9 saen a poxa e 40 están ocupadas).

Entre as obrigas reflectidas no prego de condicións técnicas, establécese que os concesionarios deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total de concesión, que é de 25 anos. Así, segundo precisa Yoya Blanco, as taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, serán as seguintes (canon base a 25 anos): bancada de peixe, 3.872,07 euros; bancada de froita, 3.872,02 euros; caseta interior, entre 9.680,16 e 13.552,23 euros, e caseta exterior, 8.131,34 euros.

Tódolos solicitantes propostos para ser beneficiarios das concesións terán a obriga de presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado. Independentemente deste canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer ademais mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos nos mercados municipais, en concreto: bancada de peixe, 38,03 euros mensuais; bancada de froita, 40,81 euros; caseta interior, entre 55,86 e 78,20 euros, e caseta exterior, 46,92 euros.

Tamén correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións. Para poder participar neste procedemento, os empresarios interesados teñen a obriga de acreditar a súa solvencia económica, técnica e profesional.