Promoción Económica impulsa a formación para o emprego con cursos de operador de carretilla e de limpeza hospitalaria e de aloxamentos turísticos

88
  • As actividades formativas serán impartidas por Ara Formación e, ademais dos contidos teóricos, incluirán unha extensión de 40 horas de prácticas non laborais en empresas destes sectores
  • A concelleira Yoya Blanco explica que os 45 alumnos beneficiarios dos cursos serán seleccionados polo Concello entre “persoas en situación vulnerable e de desemprego”

Fomentar a inserción laboral a través da formación especializada en ámbitos con elevada demanda é o principal obxectivo do acordo que a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, acaba de selar co responsable do centro Ara Formación, Francisco Rial. A colaboración concretarase na organización de tres cursos de Operador de Carretilla Elevadora, Limpeza de Locais Comerciais e Limpeza Hospitalaria e Limpeza en Aloxamentos Turísticos (camareira/o de pisos), que desenvolverán a súa parte teórica nas instalacións que Ara posúe na rúa Nova de Arriba e que terán unha extensión de 40 horas de prácticas non laborais en empresas pertencentes a estes sectores.

Segundo explica Yoya Blanco, un total de 45 alumn@s (un máximo de 15 por curso) poderán beneficiarse destas actividades formativas, “facéndose unha selección previa por parte do Servizo de Promoción Económica do Concello, na que se lle dará prioridade a persoas en situación vulnerable, desempregadas, mulleres vítimas de violencia machista…”. “Os cursos -avanza a edil do PSOE- darán comezo nos meses de abril e maio e incluirán seguros de responsabilidade civil e accidentes para o alumnado tanto durante a duración a formación teórica como nas prácticas non laborais. Os participantes recibirán manuais dos cursos, carpetas, bolígrafos, blocks de notas e, ao rematar, os respectivos diplomas acreditativos”.

O curso de Operador de Carretilla Elevadora terá 24 horas en modalidade presencial, contemplando contidos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis…); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de situacións de risco, retención do operador… 

Dentro da formación práctica abordaranse as manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en rampas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (estes contidos axústanse aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 kg).

Desinfección hospitalaria e xestión de residuos sanitario

A formación de Limpeza de Locais Comerciais e Limpeza Hospitalaria terá 50 horas de duración en modalidade presencial, durante as que se tratarán cuestións relativas á limpeza xeral; os sistemas de limpeza de mobiliario, servizos, paredes, habitacións, cristais…; os principais produtos químicos empregados e as medidas de seguridade e hixiene a ter en conta na súa manipulación; a limpeza das diferentes zonas dun hospital; a infección nosocomial (ou intrahospitalaria) e a súa prevención; os principios fundamentais da limpeza hospitalaria; a relación cos pacientes; os sistemas de desinfección hospitalaria; a recollida e eliminación dos residuos sanitarios; a lexislación sobre residuos sanitarios; o listado de enfermidades infecciosas, ou a prevención de riscos laborais na limpeza hospitalaria.

No que atinxe ao curso sobre Limpeza en Aloxamentos Turísticos (camareira/o de piso), a duración da parte teórica será tamén de 50 horas impartidas en modalidade presencial e abordará ámbitos como as técnicas básicas de limpeza; as normas de seguridade, hixiene e saúde; a limpeza de mobiliario interior; o arranxo de habitacións e zonas comúns de aloxamentos; o aprovisionamento e organización do office; a organización dos produtos no carro; as operacións de desmontaxe e ventilación previas á limpeza; os protocolos de custodia e devolución dos obxectos esquecidos; a atención ao cliente na limpeza de pisos; o mantemento de habitacións e baños, e algunhas nocións básicas de trato ao cliente para hostalería en lingua inglesa.