O Nobel de Química, Michael Stanley Whittingham, visitará Pontevedra en novembro

29
  • Participará no XXVI Encontro Galego-Portugués de Química que terá lugar entre o 17 e o 19 de novembro do Pazo da Cultura

Michael Stanley Whittingham, gañador do Nobel de Química en 2019, visitará Pontevedra en novembro para participar no XXVI Encontro Galego-Portugués que terá lugar no Pazo da Cultura. Esta información adiantáronlla ao alcalde de Pontevedra o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia e presidente da Asociación de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, e o vogal do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Javer Becerra García.

Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá a ambos membros da directiva deste colexio oficial, que lle expuxeron o desenvolvemento do congreso que terá lugar entre os días 17 e 19 de novembro e solicitaron colaboración por parte do Concello. Neste sentido, o alcalde trasladoulles o compromiso de colaborar coa cesión das instalacións e apoio loxístico. 

O Encontro Galego-Portugués de Química é un congreso que se vén celebrando alternativamente entre Portugal e Galiza e que está organizado entre a Sociedade Portuguesa de Química (SPQ), o Colexio Oficial de Químicos de Galicia e a Asociación de Químicos de Galicia.

Trátase dun congreso de referencia para investigadores e estudantes e, nesta edición, contará coa presenza do recoñecido químico británico Michael Stanley Whittingham que, xunto a John B. Goodenough e Akira Yoshino, gañou o Premio Nobel de Química en 2019 polo seu traballo no desenvolvemento das baterías de ións de litio.