Os Faladoiros Literarios Feministas arrincan este mércores 10 de marzo con Iria Vázquez e Luz Darriba

20
  • A xornalista Ana López moderará esta mesa inaugural, na que as autoras presentarán e debatirán sobre o contido dos seus libros ‘Cómplices, a violencia machista institucional’ e ‘Abril’
  • Todxs aqueles interesadxs en obter información ou inscribirse nos Faladoiros, organizados polo Concello e a Uned no marco do 8M, poderán facelo a través do enlace https://extensión.uned.es/actividad

Os Faladoiros Literarios Feministas, organizados pola Concellería de Igualdade en colaboración coa Uned no marco do programa de actividades do 8M, arrincarán o vindeiro mércores 10 de marzo cunha mesa redonda protagonizada polas escritoras Iria Vázquez e Luz Darriba. Tal e como avanza concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “a encargada de moderar esta mesa será a xornalista Ana López Suárez e nela presentaranse os libros ‘Cómplices, a violencia machista institucional’ e ‘Abril’”. Para poder participar nesta xornada, que terá unha difusión internacional, é necesario inscribirse a través do enlace: https://extensión.uned.es/actividad .

O libro ‘Abril’, de Luz Darriba, pon o foco na ditadura militar da Arxentina, que a autora nada en Uruguai viviu durante a súa mocidade, e nas consecuencias sociais e individuais que supuxo para toda unha xeración. A artista plástica, que reside en Lugo desde 1990 e ten lazos familiares con Pontevedra, dá testemuña neste libro das vidas marcadas por aquela ditadura militar entre 1976 e 1983, e que levou ao asasinato, á tortura, ao encarceramento e tamén á desaparición de 30.000 persoas, e que practicou a apropiación sistemática de bebés e de menores.

A pesar da súa dureza, ‘Abril’ é unha novela chea de esperanza que “tece entre Galicia e o río da Prata os fíos dunha manta que nos abeire e nos salve da barbarie dun pasado que esixe reparación e esperanza”, segundo reza a contracapa do libro.

A novela ‘Cómplices. A violencia machista institucional’ vén botar luz sobre un dos aspectos das violencias machistas menos estudado e tamén menos visible: a violencia que exerce o Estado a través das súas institucións sobre as mulleres que están en situación de violencia machista. A autora, Iria Vázquez, explora varios eidos institucionais, cos que tivo contacto directo, e convida a outras autoras, como Sheila Fernández Míguez (desde o eido xurídico), Olalla Villaronga Seoane (que achega unha perspectiva desde o eido rural), Lola Ferreiro Díaz (desde o ámbito sanitario) e Ana Martínez González e Fedra Alcaraz Ladrero (ámbalas dúas traballadoras dunha asociación de parálise cerebral), a completar o panorama dunhas institucións que deberían acoller e defender ás mulleres violentadas polo machismo. Este libro permite aproximar ao lector ao labirinto polo que pasan as mulleres en situación de violencia, analizando as forzas de seguridade, o eido xudicial, os servizos sociais ou o ámbito sanitario.

Eva Mejuto e Elisabeth Oliveira, o mércores 17 de marzo

A segunda xornada dos Faladoiros Literarios Feministas desenvolverase o mércores 17 de marzo e terá como convidadas ás autoras Eva Mejuto e Elisabeth Oliveira, que presentarán as súas obras ‘A lavandeira de San Simón’ e ‘Libres e Vivas’. Nesta ocasión, o coloquio estará moderado pola xornalista Sara Vila.