O Concello homenaxea ás empresarias e traballadoras de Pontevedra con motivo do 8M a través do proxecto audiovisual Mulleres da Vila

406
  • A iniciativa impulsada pola concelleira Yoya Blanco e a artista Patricia Maquieira inclúe a difusión dun vídeo e unha mostra fotográfica das mulleres participantes nos escaparates dos seus negocios

Un grupo de 22 empresarias que rexentan establecementos comerciais da cidade protagoniza o proxecto Mulleres da Vila, impulsado pola Concellería de Promoción Económica co gallo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e deseñado co obxectivo de homenaxear, visibilizar e poñer en valor a tódalas mulleres traballadoras de Pontevedra. A iniciativa, promovida pola fotógrafa e artista plástica Patricia Maquieira, traducirase nunha exposición de fotografías das participantes a través dos escaparates dos seus negocios e na elaboración dun vídeo que permitirá coñecelas máis intimamente.

O proxecto foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal pola concelleira de Promoción Económica e de Igualdade, Yoya Blanco, e a propia Patricia Maquieira, nun acto que contou coa presenza dalgunha das protagonistas da campaña: Mayka Solla, de Confitería Solla; Luz Gallego, de Librería Seijas; Mar Golpe, de Manualidades Arte, e Mari Pazos, de Loli Baquero. A edil do PSOE sinalou que esta iniciativa está dedicada a “todas esas mulleres que están a pé de rúa nos seus negocios ou traballan de cara ao público, que se superan, esforzan, acompañan, achegan, axudan, asesoran, apoian, miman, coidan, dan cor ou endulzan as nosas rúas”. 

“Sen elas -subliñou Yoya Blanco- nada sería igual. Elas son  mulleres que crean, mulleres con soños, mulleres que teñen a cargo a outras mulleres e que fan medrar a economía da cidade. Despois dun ano no que tiveron que facer un esforzo extra por mor da pandemia, coido que merecen este recoñecemento e esta reivindicación do seu labor máis que nunca. Neste 8 de marzo elas tamén merecen ser protagonistas”.

Tal e como explicou Patricia Maquieira, aínda que houbo máis de 40 empresas que se inscribiron no proxecto, “tívose que realizar un proceso de selección que nos deixou 16 firmas participantes como representantes de tódalas demais”. En concreto, protagonizarán a mostra fotográfica Ecocabana (Laura López), Jomafer (Elena e Antonina López), Mercería Pilar (Pilar Bouza), Pontetelas (Nélida Viaño), Confitería Solla (Mayka Solla), Floristería Jardín (Ángela Casares), Manualidades Arte (Mar Golpe), Loli Baquero (Mari Pazos), Peluquería Danae (Merchi Martínez e Mari Carmen Vidal), Anabeti (Conchi, Ana, e Beti Puga), Copistería Calco (Belén Nieto), M&C Moda e Complementos (Mercedes e Mari Tobío), PC Box (Judit Meriño), Ma Petite (Marieli Touza), Librería Seijas (Luz Gallego) e A Balea das Cores (Almudena López e Vanesa Osorio).

Segundo indicou Yoya Blanco, as fotografías realizadas por Maquieira, nas que se retratou a estas mulleres empresarias nos seus negocios, “poderán desfrutarse nos escaparates das súas tendas a partir do día 8 de marzo”, data que coincidirá co inicio da difusión dun vídeo a través da canle de Youtube do Concello de Pontevedra, no que as súas protagonistas “nos contarán cales son as súas fortalezas, soños e retos, e escoitaremos o seus sabios consellos para outras mulleres”. Como antesala deste vídeo, a Concellería de Promoción Económica vén de subir un teaser promocional duns 50 segundos: 

Tanto Yoya Blanco como Patricia Maquieira e as outras participantes tiveron momentos, durante o acto de presentación, nos que exteriorizaron a súa emoción ante a homenaxe que supón a campaña Mulleres da Vila. En opinión de Maquieira, precisamente nun ano tan complicado, no que estas mulleres traballadoras tiveron que estar máis que nunca ao pé do canón, poñer en valor o seu labor resultaba “imprescindible”. “No vídeo, aparte de velas como mulleres traballadoras, tamén imos ver a esencia de cada unha delas, esa parte de sensibilidade, fortaleza, esforzo e dedicación que moitas veces non vemos nas súas tendas e negocios”, avanzou Maquieira.