Turismo de Pontevedra incrementa este ano nun 10% a contía económica das subvencións para o patrocinio dos clubs deportivos da cidade

46
  • A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, asina o expediente que permitirá destinar unha achega global de 288.060 euros ás arcas de 11 equipos pontevedreses
  • As axudas de Visit Pontevedra, que suporán 47.460 máis que as do ano pasado, beneficiarán en 2021 a dúas novas entidades deportivas, o Pontevedra Rugby Club e o Club Galaico Sincro

A concelleira de Promoción Económica  e Turismo, Yoya Blanco, asinou esta mañá o expediente das subvencións anuais de Turismo de Pontevedra para o patrocinio dos clubs deportivos da cidade en 2021. O orzamento destinado por Visit Pontevedra ascende a unha achega económica global de 288.060 euros, o que supón un incremento dun 10% con respecto aos 240.600 de 2020.

“Esta Concellería é consciente da delicada situación que atravesan as entidades deportivas de Pontevedra por mor desta interminable pandemia. Os clubs precisan a nosa axuda máis que nunca, polo que este ano aumentaremos en 47.460 euros a contía das subvencións de patrocinio, que aliviarán as arcas dun total de 11 equipos, dous máis que en 2020”, subliña a concelleira delegada de Turismo, Yoya Blanco.

En concreto, beneficiaranse das axudas de 2021 o Pontevedra CF, a Sociedade Deportiva Teucro, o Club Baloncesto Arxil, o Club Natación Galaico, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra, o Club Cisne (ao que se lle incrementa a partida polo seu ascenso a Asobal), o Leis 26 FS, o Club Bádminton Ravachol, o Tenis de Mesa Monte Porreiro, o Pontevedra Rugby Club e o Club Galaico Sincro (estes dous últimos incorpóranse á lista de equipos patrocinados por Visit Pontevedra).