A Concellería de Benestar Social e Xoga promoven a primeira Guía Sociosanitaria para Persoas con Diversidade Sensorial de Galicia

366
  • O manual, deseñado como un instrumento de atención integral a persoas con diversidade sensorial, poderá descargarse na web do Concello e mediante un código QR presente en pósteres e dípticos
  • A Guía será distribuída entre diversas institucións, entidades e servizos dos ámbitos social, laboral, educativo, deportivo, sanitario, da dependencia, a tramitación administrativa e o acceso a dereitos

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro) e do Día Mundial do Implante Coclear (mañá, 25 de febreiro), a Concellería de Benestar Social e a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) veñen de impulsar a primeira Guía Sociosanitaria para Persoas con Diversidade Sensorial, un instrumento de atención integral a persoas xordas, con perda auditiva, cegas e xordocegas. Este recurso será entregado fisicamente a diversas entidades e institucións, e tamén poderá descargarse en versión pdf a través da páxina web do Concello de Pontevedra (mediante o enlace URL https://www.pontevedra.gal/publicacions/guia-xoga/) e dos códigos QR presentes nos carteis e dípticos que se distribuirán no marco desta iniciativa.

O manual foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a secretaria xeral de Xoga, Josefa Carballo, e a coordinadora sociosanitaria do colectivo, Marta García, usuaria dun implante coclear. Tal e como explicou Marcos Rey, “o Concello ten entre os seus obxectivos máis importantes a superación das limitacións invisibles que cada día se lle impoñen ás persoas con diversidade sensorial, así como defender a equidade, a acessibilidade universal, a inclusión e a comunicación sen limites”.

Segundo subliñou o edil socialista, “esta Guía Sociosanitaria nace co obxectivo de ser un recurso útil para abordar situacións cotiás coas persoas xordas, con perda auditiva e xordocegas, de maneira que os profesionais, familiares e os propios afectados teñan coñecementos esenciais e básicos”.

 “Agardamos -sinalou Rey- que resulte de interese para tódolos profesionais que se relacionen con persoas con diversidade sensorial para mellorar a súa calidade de vida e, por ende, a do conxunto da cidadanía. Trátase dun manual sinxelo, práctico e versátil”.

Case un 10% da poboación do municipio ten a diversidade recoñecida

Josefa Carballo indicou que “das 45.307 persoas con diversidade sensorial existentes en Galicia, na provincia de Pontevedra coexisten aproximadamente 17.096 con máis do 33% de discapacidade certificada, unha cifra que alcanza a entre 7.000 e 8.000 veciños do noso municipio (case un 10% da poboación)”. A secretaria xeral de Xoga lembrou que se trata dun dos colectivos de poboación “máis illado e con maior risco de exclusión social debido ás súas dificultades de comunicación e acceso á información”.

“É de suma importancia previr situacións de abandono e illamento das persoas que sofren estas circunstancias, en moitos casos sen diagnóstico actualizado, para garantirlles o acceso e o exercicio dos seus dereitos en condicións de equidade. Esta Guía é absolutamente innovadora, xa que non existe unha de características semellantes no contexto nacional, e achega a información imprescindible para coñecer e atender ás persoas con diversidade sensorial”, apuntou Carballo.

Na Guía Sociosanitaria para Persoas con Diversidade Sensorial, a primeira deste xénero que se elabora en Galicia, pódense atopar cuestións como as definicións de comunidade sensorial, cegueira, xordeira e xordocegueira; a explicación de sistemas de comunicación como a lingua de signos española e apoiada, a lectura labial ou labiofacial e o braille, e a exposición das barreiras comunicativas existentes. Asemade, o manual amosa a conduta axeitada a seguir para atender a unha persoa con diversidade sensorial, facilitarlle o acceso á información e ofrecerlle medios de rehabilitación e apoio (mediadores comunicativos, guías interpretativas de lingua de signos, logopedas, optometristas ou cans guía, así como audifónos, implantes cocleares, bastóns, sistemas de frecuencia modulada, lentes graduadas e lupas, bucles magnéticos, subtitulados, audiodescricións ou lectores de pantalla).

Na publicación tamén se aclara como detectar unha perda de audición, descríbense os mitos existentes en torno a este colectivo e faise fincapé nas dificultades e recursos das persoas con diversidade sensorial ante a pandemia da Covid-19. Para finalizar, a Guía inclúe un amplo glosario no  que se expón o significado de diferentes termos relacionados con esta comunidade.

O manual entregarase a entidades e institucións dos ámbitos social, laboral, sanitario, educativo, dos servizos sociais e a dependencia, a xestión administrativa e o acceso a dereitos: asociacións veciñais, medios de comunicación, tecido empresarial, colexios profesionais, clubs deportivos, colectivos sociosanitarios e culturais, Servizo de Axuda no Fogar (SAF), Centro de Información á Muller (CIM), residencias, centros de día, servizos de transportes, hospitais e centros médicos, colexios e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Tamén está previsto a súa distribución entre centros penitenciarios, Imserso, celadores, matronas, universidades, xulgados, entidades turísticas procuradores e farmacias.