Aprazada a rehabilitación da rúa da Torre ante o perigo de derrube dunha nave

58

O Concello dá orde de demolición á propiedade do número 5 da rúa para garantir a seguridade na vía pública. De non contestar en 24 horas, o Concello actuará de maneira subsidiaria.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez agarda que esta demolición non atrase máis de 15 días as obras de mellora da rúa.

O Concello de Pontevedra vén de instar á propiedade do número 5 da rúa da Torre a demolición da nave que ten edificada no lugar para garantir a seguridade da vía pública. O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, explicou esta mañá que o Concello tiña previsto iniciar mañá os traballos de rehabilitación da rúa, pero tiveron que suspenderse porque esta construción ameaza con caerse se se actúa na rúa.

Se o Concello non obtén contestación no prazo de 24 horas, realizará subsidiariamente a demolición do edificio, e despois reverterá os custes na propiedade.

Demetrio Gómez confía en que estes traballos non demoren máis de 15 días a reforma da Torre.

O proxecto ten un custe de 91.499,99 euros e un prazo de execución de 1 mes. A intervención implica a rehabilitación integral do firme con plataforma única, o calmado do tráfico e a renovación da iluminación pública. O deseño desta intervención será similar ao das vías rurais de Pontevedra por ser o que mellor se adapta á configuración da rúa. 

Esta obra, tal e como xa adiantara o concelleiro de Obras Urbanas enmárcase dentro do plan de actuacións no Barrio do Burgo que supoñen un investimento de 2.850.000 euros. 

Entre as rehabilitacións integrais neste barrio, ademais da rúa da Torre, convén lembrar que están previstas a reforma do parque de Pasarón e a reforma da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, así como a reordenación do tráfico para limitalo ao estritamente necesario para o funcionamento do barrio.