Tino Fernández levará o luns a Xunta de Goberno a convocatoria das subvencións para as Anpa

35
  • Unha vez aprobadas as bases, as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as disporán dun mes, contado a partir do seguinte ao da data de publicación no BOP, para presentar as solicitudes
  • A Concellería de Educación destinou unha achega económica de 24.670 euros para dar cobertura a estas axudas, destinadas a Anpa de centros educativos públicos de Infantil, Primaria e ESO

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación as bases da convocatoria de subvencións para Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as (Anpa) de centros educativos de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Infantil e/ou obrigatorias. As Anpa disporán dun mes, contado a partir do seguinte ao da data de publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), para presentar as súas solicitudes a estas axudas, que permitirán sufragar as accións desenvolvidas no eido da educación durante o curso escolar 2020/2021 e para as que se destinou unha achega económica de 24.670 euros.

Tal e como se estipula nas bases desta convocatoria, cuxo texto completo poderá consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións (https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index), a porcentaxe subvencionable polo Concello non poderá exceder do 50% do custo da actividade á que se aplique, establecéndose tres grupos segundo as puntuacións acadadas na baremación e aplicándoselles a cada un deles unha porcentaxe sobre a contía solicitada e un máximo a conceder:

GrupoPuntuaciónsPorcentaxe do proxecto presentadoMáximo
1Entre 10 e 2030 %800 €
2Entre 20 e 2540 %1500 €
3Entre 25 e 3050 %2.000,00 €

Tino Fernández explica que estas subvencións teñen por obxecto regular o procedemento da concesión de subvencións en réxime de libre concorrencia “para fomentar as actividades no eido da educación e tódalas súas facetas que promovan as Anpa e que poidan ser consideradas de interese educativo, como a promoción do deporte, a ocupación do tempo libre ou a promoción da cultura”. Non poderán ser destinatarias destas axudas aquelas entidades que non se atopen ao corrente das súas obrigas fiscais co Concello, coas facendas públicas (estatal e autonómica) e coa Seguridade Social, e tamén quedan excluídas da convocatoria aquelas asociacións e entidades que presenten actividades ou programas que veñan regulados noutras convocatorias do Concello de Pontevedra.

Ademais de presentar as correspondentes instancias-solicitudes en tempo e forma na sede electrónica municipal (https://sede.pontevedra.gal/), entre os requisitos que se lles esixen ás Anpa inclúense a utilización do galego e de linguaxe non sexista en toda a documentación, publicacións, cartelería, publicidade e produción escrita de tódalas actividades que vaian ser subvencionadas.

No que se refire aos criterios para a concesión de subvencións teranse en conta aspectos como o número de alumnos participantes nas actividades, a porcentaxe de participación e a repercusión e contidos do proxecto: implicación doutras entidades ou asociacións, orixinalidade, posta en valor da cidade, promoción da cultura galega e uso do idioma, uso das tecnoloxías da información e a comunicación, transversalidade, promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e integración do alumnado con necesidades educativas especiais, inmigrante ou socialmente desfavorecido, entre outras cuestións.