#PonteLovers e La Boda de Nerea promoven un Showroom de Vodas e Comuñóns que será emitido en streaming dende a Finca Batacos

42
  • A pasarela impulsada pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, será conducida pola presentadora Eva Iglesias e contará coa presenza do chef Estrella Michelin Iñaki Bretal
  • O evento terá lugar os días 20 e 21 de marzo e incluirá desfiles de comuñón, noiva, lencería ou tocados. A sección ‘Cámbiame’ seleccionará a un par de mulleres para un cambio de imaxe

Tralo éxito acadado o pasado mes de decembro coa emisión online de PonteModa Nadal, a Concellería de Promoción Económica e Turismo volve impulsar unha nova pasarela en colaboración coa plataforma #PonteLovers e a firma especializada en eventos e grandes celebracións La Boda de Nerea: un Showroom de Vodas e Comuñóns que se celebrará a fin de semana do 20 ao 21 de marzo e que será retransmitido en streaming dende o maxestoso escenario da Finca Batacos (na parroquia de Salcedo). O evento será conducido en directo pola presentadora, actriz e cantante Eva Iglesias, colaboradora do programa de televisión Land Rober-Tunai Show, que desenvolverá entrevistas a cada un dos responsables dos comercios locais participantes.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que “ademais dunha pequena exposición dos artigos e servizos dos establecementos implicados na iniciativa, o showroom ofrecerá desfiles de comuñón, noiva, lencería, tocados ou ramos de noiva nos que os comercios poderán poñer en acción o seu traballo”. “Para darlle aínda máis glamour a esta pasarela de moda online, teremos a sorte de contar na Finca Batacos coa presenza do chef Iñaki Bretal, cociñeiro do Eirado da Leña, primeiro Estrella Michelin de Pontevedra, que tamén protagonizará unha entrevista especial acompañado por unha servidora”, avanza a socialista.

Outra das novidades do evento será unha sección denominada ‘Cámbiame’, que permitirá seleccionar a un par de mulleres de a pé para sometelas a un cambio de imaxe, tanto por dentro como por fóra. Tal e como sinala Yoya Blanco, “nesta parte da programación tamén se lle dará un importante protagonismo ás tendas locais, posto que serán elas as que colaboren cos seus produtos, dándolle deste xeito unha publicidade engadida ao comercio de Pontevedra”.

Unha vintena de comercios xa confirmados

Ata o momento xa confirmaron a súa participación no Showroom de Vodas e Comuñóns de #PonteLovers e La Boda de Nerea unha vintena de firmas: Pattuka, Nalatcha, Tendencias Floristería, Floristería Peregrina, Moma Zapatos, Zapatillería Elvi, Mis Primeros Pasos Elvi, Papaya Studio, Mepiachi, Tolf, Betty Peluquerías, Isa Baltasar Lencería, Merchy Gómez, Nail Bar, Agasallo, Maddy Novias, Marypuch, Misterbaby e Isa Naveiro.

Non obstante, a concelleira de Promoción Económica constata que “esta lista inicial irase ampliando sen dúbida nos vindeiros días, xa que hai moitos outros establecementos comerciais que amosaron o seu interese e que faltan aínda por confirmar”. “O importante é que, pese á pandemia, este tipo de iniciativas se continúen a organizar. A pasarela PonteModa Nadal superou dende logo as expectativas na súa emisión en streaming e esta conta con tódolos ingredientes para triunfar. Convidamos dende xa á cidadanía a facer un oquiño para segui-lo showroom en directo dende as redes do Concello e de #PonteLovers os días 20 e 21 de marzo en horario de 16:00 a 20:00 horas”, subliña a edil do PSOE.