A Concellería de Benestar Social abre un ciclo de Obradoiros Familiares para pais e nais de alumnos cun taller sobre ‘TIC e pandemia’

13
  • Dentro das accións desenvolvidas na escola polo Plan de Prevención de Condutas Aditivas, o departamento que dirixe Marcos Rey tamén organiza uns Obradoiros de Educación en Valores

No marco das accións desenvolvidas no ámbito escolar polo Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas, impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Xunta, a Concellería de Benestar Social porá en marcha este mes uns Obradoiros de Educación en Valores nos centros de Primaria da nosa cidade. Ademais, para complementar este traballo preventivo iniciado en xaneiro nos institutos de Pontevedra cos Obradoiros de Prevención de Condutas Aditivas e traballar con toda a comunidade educativa dende unha perspectiva integradora, o departamento que dirixe Marcos Rey tamén decidiu organizar uns Obradoiros Familiares destinados a nais e pais de alumnos.

O primeiro dos talleres deste último ciclo formativo dará comezo a finais de mes, estará centrado en ‘TIC e pandemia. Como educar dende a familia’ e abordará cuestións como o establecemento de normas e límites, a seguridade na rede e o fomento do bo uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na familia. Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, “estes talleres familiares están pensados como un espazo puntual de reunión para pais e nais no que se tratará un tema de interese de forma monográfica e intensiva”.

“Debido á situación actual creada pola pandemia, tívose que modificar a metodoloxía destes obradoiros: xa non serán realizados de forma presencial, senón online. Terán unha duración aproximada dunha hora e desenvolveranse nun formato participativo no que, nos primeiros 20 minutos, se fará unha pequena introdución ao tema por parte de profesionais do Concello e da empresa que está a realizar os obradoiros nos centros educativos, e posteriormente abrirase unha quenda de debate”, indicou Marcos Rey.

O horario de realización será o máis axeitado ás necesidades d@s interesados e, para participar, será necesaria inscrición previa a través do email planadiccions@pontevedra.eu (indicando nome e apelidos, correo electrónico, idades dos fillos/as, e o día da semana e a hora que mellor se adapta ás súas necesidade, se é posible dando varias opcións). Os grupos faranse grupos en función do horario e das idades dos fillos e fillas.

A Concellería de Benestar Social desenvolve o Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas en colaboración coa Consellería de Sanidade. Os obradoiros previstos dentro deste Plan no ámbito escolar realizaranse ata o mes de xuño.