O Concello impulsa a creación dunha rede de aparcadoiros para bicis nos centros escolares

33
  • A Concellería de Educación vén de dotar ao CEIP A Xunqueira II dun aparcabicis modelo anel para oito prazas e xa hai outros seis colexios interesados en dispoñer deste tipo de estacionamento
  • Iván Puentes afirma que o plan xurdiu a raíz dunha solicitude do colectivo Pedaladas e de numerosas peticións de nais e pais que queren acompañar aos seus fillos en bici ata o colexio

A Concellería de Educación acaba de poñer en marcha, en colaboración coa Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, un plan para dotar aos centros escolares de Pontevedra dunha rede de aparcadoiros para bicicletas. O departamento que dirixe o tenente de alcalde, Tino Fernández, vén de inaugurar no CEIP A Xunqueira II o primeiro estacionamento deste proxecto, un aparcabicis de catro unidades modelo anel con capacidade para oito bicicletas cuxa instalación, realizada pola empresa Setga, foi supervisada esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e por membros da directiva do colexio (a súa directora, María José Pereira, e a súa secretaria, Clara Vidal).

Trala visita, na que tamén participou o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, o concelleiro socialista asegurou que a idea da creación desta rede de aparcadoiros para bicis xurdiu a raíz dunha solicitude realizada polo colectivo Pedaladas e de numerosas peticións que nos fixeron chegar numerosos pais e nais de alumnos a título individual”. 

“A demanda é cada vez maior, sobre todo por mor da Covid-19, que motivou unha crecente predisposición dos nenos e das súas familias a desprazarse ata os colexios camiñando ou usando medios de transporte ao aire libre. Moitos pais e membros da comunidade educativa trasladáronnos a súa vontade de que os nenos poidan ir en bici ata o colexio acompañados dos seus pais e nais e deixalas bicicletas alí estacionadas durante a xornada lectiva, xa que o pai/nai non pode regresar para casa coa súa bicicleta e coa dos pequenos e, se non hai un lugar axeitado para aparcalas, corren o risco de que las poidan roubar”, explicou Iván Puentes.

Non obstante, o concelleiro do PSOE constatou que “á marxe do CEIP A Xunqueira II, xa hai directivas doutros seis centros escolares que se amosaron interesadas en dispoñer de aparcabicis, en concreto as dos colexios de Campolongo, Parada-Campañó, Álvarez Limeses, Verducido, Ponte Sampaio e Manuel Vidal Portela (que solicitou un cara a rúa Cruz Vermella)”.

O edil de Desenvolvemento Sostible avanzou que o Concello de Pontevedra tentará atender as peticións de cada un dos centros de xeito progresivo e lembrou “a necesidade de que os colexios dispoñan de espazo para instalar os aparcadoiros de bicis dentro do recinto escolar”. “Hai algún centro, como acontece co CEIP Álvarez Limeses, que non dispón de demasiado espazo, polo que os técnicos municipais terán que analizar as opcións existentes e ver se resulta ou non posible instalar os aneis”, apuntou Puentes.

Drenaxe do patio de Infantil, hortas escolares e creación dun parque

O equipo directivo do CEIP A Xunqueira II tamén lle trasladou a Iván Puentes e Manuel Fontán unha serie de cuestións relativas ao estado de conservación e mellora dos amplos espazos verdes cos que conta o centro. Segundo indicou Puentes, a máis perentoria “é a mellora da drenaxe da zona verde que forma parte do patio dos alumnos de Infantil, que presenta problemas de encharcamentos e inundacións cada vez que chove con certa intensidade”. O xefe do Servizo de Parques e Xardíns indicou que “xa se está a traballar para atopar a mellor solución técnica” e que, en todo caso, “se trata dunha actuación que requirirá dun importante investimento económico”. 

Ademais, María José Pereira e Clara Vidal comunicáronlles a súa vontade de empregar unha parte da ampla zona verde situada cara ao río Lérez para crear un parque dotado dunhas mesas e casetas xa adquiridas polo colexio. Segundo indicou Iván Puentes, o Concello encargarase de plantar “polo menos unha trintena de árbores de especies de ribeira, entre eles freixos, ameneiros, bidueiros e salgueiros, que permitirán xerar áreas de sombra no futuro parque”.

Por outra banda, é tamén a demanda da dirección do colexio, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural pretende dotar ao centro educativo de hortas escolares nunha parcela anexa ao patio de Infantil (nunha zona que dá cara o CIFP A Xunqueira).