Iván Puentes retoma a súa ofensiva contra os vehículos abandonados neste comezo de 2021

31
  • Despois de tramitar uns 80 expedientes ao longo de 2020, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible inicia o ano coa sinatura de 7 novos requirimentos de retirada de automóbiles

Despois da intensa campaña que comandou ao longo de 2020 para impulsar a ‘xubilación’ de 80 vehículos abandonados nas vías públicas de Pontevedra, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, segue a manter a súa ofensiva neste comezo de ano. Así, o edil socialista asinou xa nas últimas semanas 7 novos requirimentos de retirada de automóbiles das nosas rúas, un paso administrativo previo e imprescindible para que estes coches sexan declarados como residuos sólidos urbanos por parte do Servizo Municipal de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental e a que, deste xeito, se poida proceder á súa descontaminación, destrución e baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico.

En concreto, os expedientes incoados a raíz de denuncias das policías Local e Nacional refírense aos seguintes vehículos: un Opel Corsa-B retirado polo guindastre da avenida das Corbaceiras o 18 de outubro de 2019 e que continúa actualmente no Depósito Municipal de Vehículos; un Ford Transit abandonado no número 8 do lugar de Pío (parroquia de Bora, N-541); un Renault Kangoo na rúa Meixueiro; un Renault Laguna na rúa Simón Bolívar; un Renault Kangoo á altura do número 18 da rúa Fernando II; outro Renault Kangoo no número 10 da rúa Augusto García Sánchez, e un Daewoo Lanos no número 14 da rúa Cruceiros (parroquia de Lérez).

Iván Puentes explica que “en tódolos casos foi constatado o estado de falta de conservación e os sinais de abandono dos automóbiles e requiríuselle aos propietarios que no improrrogable prazo de 15 días (dende a notificación) procedan á súa retirada ou á entrega nun centro autorizado de tratamento ou instalación de recepción regulado no Real Decreto 20/2017”. “No requirimento -sinala o concelleiro- advírteselle de que, pasado o citado período de tempo sen dar cumprimento ao requirido, a Administración Local poderá adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que contempla sancións de entre 603 e 31.000 euros (en supostos de infracción grave), procedendo ademais á retirada do vehículo polo guindastre e dándolle o tratamento de residuo sólido urbano”.

Un prazo de 15 días dende a notificación

Durante este prazo de 15 días, os propietarios poden formular as alegacións que estimen pertinentes ou presentar renuncia do vehículo, para o que se facilitará modelo no Concello, achegando copia do DNI e documentación do coche. Segundo aclara o edil de Desenvolvemento Sostible, “os expedientes atópanse en prazo de audiencia e antes de proceder á retirada, o Concello ten que comprobar a recepción da notificación”. “En caso de que non a reciban, hai que recorrer á notificación mediante publicación no BOE. A día de hoxe só consta notificada unha empresa”, precisou Puentes.

Unha vez se produza a declaración dos vehículos como residuos sólidos urbanos, a firma autorizada Automociones Catoira SL poderá proceder á súa retirada e tratamento, expedindo os documentos xustificativos da recepción dos automóbiles, emitindo os correspondentes certificados de descontaminación e destrución e tramitando a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico. 

O artigo 106 do texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria establece que a Administración competente poderá ordenar o traslado dun vehículo a un centro autorizado de tratamento para a súa destrución e descontaminación cando transcorresen máis de dous meses dende que o coche fose inmobilizado ou retirado da vía pública e depositado e o seu titular non formulase alegacións; cando permaneza estacionado por un período superior a un mes no mesmo lugar e presente desperfectos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula, e cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente deste nun recinto privado, o seu titular non o retirase no prazo de dous meses.