Deportes e a Ximnástica instalarán contedores nos circuítos da ‘Rara, pero San Silvestre’ para a recollida solidaria do Banco de Alimentos

56
  • Os alimentos depositados serán recollidos periodicamente por persoal autorizado. Tamén poderán entregarse directamente nos almacéns que a entidade social ten na rúa Faustino Santalices
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, lembra que todos aqueles que queiran colaborar economicamente co Banco poden facer as súas achegas a través do código 01139 da plataforma Bizum

Na edición máis peculiar da carreira, a que se deu en chamar ‘Rara, pero San Silvestre’ non quere deixar atrás a natureza solidaria que sempre caracterizou esta proba deportiva de Fin de Ano, na que se mestura actividade física e un ambiente familiar de humor e lecer. Adaptándose unha vez máis ás circunstancias sanitarias e ao deseño atomizado da proba, a Concellería de Deportes e a Sociedade Ximnástica decidiron instalar nos seus primeiros nove circuítos uns contedores para que as persoas que o desexen poidan depositar neles a súa axuda solidaria para a campaña que se vén repetindo ano tras ano co Banco de Alimentos de Pontevedra.

Os contedores instalaranse nas pontes dos Tirantes e O Burgo; en Domingo Fontán, ao inicio dos sendeiros da Xunqueira de Alba; no primeiro dos miradoiros sobre a ría das Corbaceiras; na avenida de Montero Ríos, diante da Deputación; na confluencia entre O Gorgullón e Eduardo Pondal, diante das estacións de tren e autobuses (fronte a Vialia), e en Monte Porreiro, no parque do Miradoiro e na Ponte das Palabras. Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “os alimentos depositados serán recollidos periodicamente por persoal autorizado para que non se acumulen moitas cantidades”. 

“Os alimentos tamén poden depositarse directamente nos almacéns do Banco de Alimentos de Pontevedra, que teñen a súa sede na rúa Faustino Santalices. Ademais, as persoas que queiran colaborar economicamente co labor desta entidade social terán a posibilidade de facelo a través do código 01139 da plataforma Bizum”, asegura o edil do PSOE. Fernández agarda que tódolos contedores poidan estar instalados ao longo da xornada de mañá.